CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rivera, RIP

12/11/2019 - 07:37 h

A caída de Albert Rivera é tripla. Dimite como presidente de Ciudadanos, deixa o escano do Congreso e deixa a política. É dicir, desaparece do mapa. As causas son ben coñecidas: perder dous millóns e médio de votos e 47 escanos é unha catástrofe política. E moito máis para un partido medio. É borrarse do escenario. E ten razón don Albert: os éxitos son de todos, as catástrofes teñen un culpable, que é o líder. A única dúbida da súa dimisión é se a debeu presentar a mesma noite electoral ou agardar como agardou á mañá seguinte. Pensouno de noite, consultou con Malú, e entrambos decidiron buscar a felicidade. A felicidade fóra da política, que tamén existe. Son palabras súas, non deste cronista.

Se a baixa de Rivera se producise antes de agosto, chorariamos por el. Pero houbo polo medio un agosto en que Rivera desapareceu da vida pública. Non se viu nin se soubo nada del. O partido andou coma un polo sen cabeza e de aí viñeron as dificultades. Despois, o que eu notei é que baixou a calidade do seu discurso, ou era o mellor que tiña. Non achegaba nada, facía frases inconexas, e deixo ao xuízo de Valiñas e dos oíntes se iso tivo algo que ver coa súa nova vida de divorciado e namorado de Malú. A coincidencia no tempo é evidente. Parce que Rivera se entregou máis á paixón de novo namorado que de político cheo de ambicións.

Para o seu obituario político debe quedar que foi un bo político ata a decadencia, que tivo moita valentía fronte ao independentismo e que fixo un bo partido a partir da nada. Quizais non soubo aproveitar o momento en que foi o partido máis votado en Cataluña. Quizais se equivocou ao pretender desbancar o Partido Popular, que é moito partido para deixarse morrer. E o grande erro foi non pactar con Sánchez despois de abril, porque entre os dous sumaban 180 deputados, maioría absoluta, que evitaba a repetición de eleccións, que foi a súa ruína.

Agora falta saber se isto tamén é o final de Ciudadanos. E iso depende deles mesmos. Se acerta na sucesión, se recupera o espírito centrista que o caracterizou, se se deixa de veleidades e se conforma con ser o partido bisagra que sempre foi, se fabrica un discurso atractivo e, sobre todo, se consegue que os votantes saibamos que votamos nas eleccións ao coller a súa papeleta, pode haber Ciudadanos. Se non, a retirada de Rivera pode ser un primeiro paso para a súa desaparición.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí