CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores, sobre o 'brexit': "Hai que estar preparados para o peor"

12/09/2019 - 08:13 h

A posibilidade de que os barcos galegos teñan que abandonar os caladoiros británicos o 31 de outubro é a principal preocupación do Goberno galego ante a ameaza dun Brexit sen acordo, máis alá dos aranceis que poida impoñer o Reino Unido á exportación dos produtos pesqueiros galegos.

Nunha entrevista no Galicia por diante, o director xeral de Relacións Exteriores e da Unión Europea, Xesús Gamallo, sinalou que Galicia é importadora de peixe británico, sobre todo conxelado e que, por tanto, pode contrarresta-la ameaza da imposición de aranceis en Gran Bretaña. Un caso diferente é o do sector das conservas de peixe e marisco, que é netamente exportador.

Xesús Gamallo asegurou que, en caso de que non haxa acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea, cabería a posibilidade de que a frota galega puidese permanecer en augas británicas cando menos ata final de ano, sempre que a Unión lles permitise facer o mesmo aos pesqueiros británicos. Gamallo lembrou que a Unión Europea estuda ademais medidas para paliar o impacto do brexit duro na pesca a través de programas de axudas, que o Goberno galego quere que procedan do Fondo de Emerxencias ou de Solidariedade e non do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro.

En caso de que haxa acordo, o director xeral lembrou que a frota galega disporía de 21 meses de adaptación ó novo escenario. Ademais a Unión Europea e o Reino Unido estarían obrigados a chegar a un acordo en materia de pesca antes mesmo da redacción do futuro Tratado de Libre Comercio entre as dúas partes. Con todo, Gamallo sinalou que "hai que estar preparados para o peor".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí