CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Diada

12/09/2019 - 07:39 h

Din que foi a Diada menos concorrida dende 2012 e parece que é verdade. É dicir, por xogar coas palabras, que foi menos RIADA que outros anos. Pode ser por moitas razóns. Unha, pola división dos partidos independentistas, que esgota a xente. Outra, porque esa mesma xente xa está cansa de tanta manifestación para nada. A terceira, porque ata agora ían independentistas e non independentistas claros, e, ao facela puramente separatista, moita xente desenganchouse. E incluso puido haber medo á gota fría, vaian vostedes saber. O certo é que o descenso foi importante: nada menos que un corenta por cento menos, que é moito dicir. Ata agora contabamos os manifestantes polo millón, máis ou menos. Agora hai que baixar.

Pero eu recomendaría aos medios informativos máis españois que baixasen un pouco o entusiasmo. Seiscentas mil persoas son aínda moitas persoas. Non hai manifestacións tan concorridas. E o ton separatista é tanto ou máis forte que nas outras manifestacións que precederon. Polo tanto, baixou o entusiasmo, pero non iso que se chama o músculo do independentismo. E, en todo caso, aí tedes a Torra, que, en vez de valorar a baixa de asistencia, fala dun éxito case sen precedentes, sinal de que todo se ve segundo o cristal con que se mira. Torra necesita o cristal de aumento para manter o seu discurso radical e subversivo, rozando o límite do 155 que Albert Rivera lle reclama xa a Pedro Sánchez.

Outra cuestión a analizar é se se tratou dun "ensaio xeral independentista á espera da sentenza", como di hoxe a portada de La Vanguardia. Non o sei. Penso que a protesta contra a sentenza, se é condenatoria, non necesita ensaios. O que propón Torra non é só a mobilización, senón desobedecer e incluso chegar a altercados como os que houbo en Hong Kong ao longo dos últimos meses.

En calquera caso, eu manteño a esperanza de que o número de manifestantes sexa o que corresponde ao descenso dos que queren a independencia, segundo di a última enquisa do CEO, que é o CIS catalán. Esa é a miña confianza. A preocupación é que as imaxes desa manifestación, aínda que sexa máis pequeno o número, son impresionantes, o cal significa que o problema catalán segue aí e vai aumentar, por non dicir dramatizarse, en canto haxa a sentenza.

E a miña última reflexión é que un problema político non se mide polo número de manifestantes, senón polos conflitos que os políticos queiran presentar. E o señor Torra, benquerido Valiñas, manexado por Puigdemont, fai unha Diada todos os días. Gobernar non goberna, pero provocar, provoca coma o demo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí