CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Daniel López Acuña: "Hai que endurecer as restricións para frear a quinta onda da pandemia"

12/07/2021 - 08:16 h

 

O epidemiólo Daniel López Acuña dixo no 'Galicia por diante' que non se dan as condicións para deixar de usar a máscara en exteriores. O exdirector de Acción Sanitaria e Situacións de Risco da Organización Mundial da Saúde aconsella volver ás restricións para frear a repunta de casos das últimas semanas. "Hai que endurecer as medidas onde temos maior risco de interaccións e de contaxios. Nas actividades do ocio nocturno, nas aglomeracións e nos eventos masivos. Sobre o uso da máscara, é relativo dicir que podemos actuar con liberdade cando resulta dificil axustarse ás distancias físicas e non incorrer en aglomeracións. Non se dan as condicións para deixar de levar a máscara en exteriores, polo tanto, hai que volver atrás". "Estamos ante un fenómeno que, ou ben tomamos medidas máis restritivas e intensificamos as medidas de saúde pública, ou non vamos ver que se deteña de xeito inmedidato esta repunta".
O exdirector de Acción Sanitaria en Situacións de Risco da OMS alertou sobre o perigo de que aparezan novas variantes que sexan resistentes ás vacinas. "Falamos da variante Delta que é entre un corenta e un sesenta por cento máis contaxiosa, acende como a gasolina, máis rápido que as variantes anteriores. Deberiamos telo en conta ao desescalar prematuramente. Á desprotección da xente nova, que aínda non está vacinada, é ás actividades propias do verán, únese o feito de que o virus segue circulando con unha variante moi contaxiosa. O principal problema é o risco de que aparezan variantes que poidan eludir ás vacinas. Estes virus mutan con frecuencia, e, cantos máis contaxios se produzan, teremos máis problemas".
Daniel López Acuña explicou na entrevista do GXD que a posible aparición de novas variantes suporía ter que vacinar a máis do 70% da poboación para acadar a inmunidade de grupo. "O 70% é unha porcentaxe aproximada, mentres a situación evolucione con normalidade. Pero, se xorden novas variantes da covid que eludan as vacinas, a porcentaxe de poboación vacinada tería que ser moito maior. Lembremos que a inmunidade de grupo é simplemente a protección que outorga que haxa unha porcentaxe elevada de xente cuberta pola vacina, ou pola infección natural. Pero isto pode variar dependendo da variación do axente infeccioso, é dicir, da presenza de variantes da enfermidade".

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia