Galicia por Diante
Jacobo Rey: "Regularemos con seguridade xurídica a condición de familia monoparental"
No marco da Lei de impulso demográfico, a Xunta traballa na creación do primeiro rexistro de familias monoparentais de Galicia.
O director xeral de Familia da Xunta, Jacobo Rey, falou esta mañá na Radio Galega da importancia de crear este documento, que actualmente se atopa en fase de consulta pública.
Salienta Jacobo Rey que compre adaptar o procedemento administrativo á realidade das familias actuais, así como definir de xeito "amplo e completo" e "regular con seguridade xurídica a condición de familia monoparental".
En canto ás liñas de traballo, matiza Rey, "primeiro haberá que definir cales e cantas destas familias temos en Galicia", puntualiza. De xeito paralelo, o Goberno galego avanzará no plan de apoio, para poder poñelo en marcha unha vez elaborado o rexistro, engade.
O director xeral de Familia remata incidindo non só na importancia de regular a condición de familia monoparental, senón tamén os diferentes tipos en función do número de fillos ou incluso concretar cando unha familia monoparental deixa de selo.