CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jesús Vázquez Almuíña: "Ampliar a hospitalización a domicilio é humanizar a asistencia"

12/07/2019 - 08:08 h

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, analizou o Plan de Hospitalización a Domicilio 2019-2023 coa idea de chegar a darlle cobertura nos próximos anos ao 100% do territorio galego os 365 días do ano, e non só de luns a venres como acontece agora. Almuíña destaca que agora "estamos nunha cobertura do 75% da poboación e Galicia é unha das comunidades que máis desenvolvida ten a atención a domicilio e, desde logo, quere seguir á cabeza, e por iso lanza este novo plan que vai ampliar a toda a poboación galega todos os días do ano". Almuíña di que "agora mesmo estamos atendendo a uns 6.000 pacientes e a idea é crecer en equipos e persoal médico e de enfermería para ampliar un 20 e un 30% aínda máis e tratar a unha cada vez maior poboación envellecida cunha porcentaxe alta de pacientes crónicos, que son aos que queremos dirixir a atención específica da Xunta de Galicia". O conselleiro de Sanidade explica que o que se busca "é achegar o servizo hospitalario ao domilicio, que é onde está coa súa familia, e cremos que é humanizar a asistencia".

Vázquez Almuíña considera que coa ampliación da hospitalización a domicilio está a "homoxeneizar o servizo e a que haxa equidade no servizo porque pode chegar a calquera tipo de paciente, independentemente de onde viva, e con continuidade asistencial, en todo momento, os 365 días do ano. Vai estar en contacto cos especialistas que o coidan, e iso, como é lóxico, mellora a calidade do servizo, mellora a sensación de estar atendido por parte da poboación e supón estar integrado no espazo que mellor coñece o paciente, que é o seu domicilio, pero tamén coa colaboración dos coidadores, dos familiares, que son unha parte importante deste sistema de atención sanitaria".

Sobre o novo modelo de Atención Primaria e as protestas de colectivos médicos e de enfermería en demanda de melloras laborais e de asistencia sanitaria, Almuíña di que "a Consellería sempre se mantivo aberta a falar con todos os implicados: profesionais, cidadáns... O Plan de Atención Primaria precisamente vai por aí". O conselleiro de Sanidade sinala que "cremos que hai que facer cambios na Atención Primaria. Estanse facendo cambios desde o punto de vista de manter contactos con todos os sectores porque cremos que aquí ninguén sobra; necesitamos as achegas de todos para facer un modelo que é un modelo de éxito... E nós estamos aplicando as duascentas medidas que todos, profesionais e cidadáns, nos presentaron para facelo". "Seguimos traballando, tomando medidas día a día, e avanzando de forma clara presentando un plan que é único en España. Galicia lidera todos os cambios que se están facendo na Atención Primaria, pero nós sempre desde a Xunta de Galicia queremos facer este tipo de actuacións e plans da man dos profesionais e tendo en conta os cidadáns". 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí