CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Goberno de cooperación

12/06/2019 - 08:04 h

Tal como explicou Iglesias, iso do Goberno de cooperación ten pinta de que a conversa entre el e Sánchez foi máis ou menos así: "Compañeiro Pedro, parece que non tes moitas ganas de meterme no Goberno. Non será que non che deixa o Ibex 35?". E Pedro respondeulle: "Cala, cala, Pedro, que teño un invento que te vas guiñar". "Conta, conta", dixo o outro. "Imos facer entre ti e mais eu un Goberno de cooperación". E Pablo rascou a coleta, esbozou un sorriso e empezou a aceptar: "Non sei o que é iso, pero a palabra cooperación soa moi ben. Nin os do Ibex se poden opoñer".

E máis ou menos así foi como empezou o conto. Despois de falar Iglesias e de que Adriana Lastra adornase a ocorrencia con moitos cualificativos e sinónimos, unha pregunta inundou todo o país: E iso que é? Pois vóuvolo explicar. Iso do Goberno de cooperación vale para todo. Pode ser un Goberno de coalición disfrazado, vestido coa roupa de camuflaxe para non axotar o persoal. Pode ser un equipo formado por ministros que apartir de agora habería que chamar cooperantes, ou pode quedar nos postos intermedios. Pode ser o xeito de integrar Unidas Podemos, pero tamén o xeito de abrir as portas a outros partidos que teñan a ben apoiar a Sánchez. Nese caso, estariamos ante a versión actualizada do Goberno Frankenstein, que con tanto éxito bautizara Rubalcaba. Pode ser a de Deus, que, cando Sánchez ou Iván Redondo se poñen a inventar, non hai dicionario que se lles resista.

A tranquilidade ou intranquilidade que podemos ter todos é que os autores do concepto tampouco o saben moi ben. A proba é que a señora Lastra non soubo poñer un exemplo de Goberno de cooperación que haxa noutro país do mundo mundial. Pero Pedro e Pablo, convertidos en novos académicos da Academia da Innovación Política, van desenvolver o concepto. Anuncian longas negociacións. Van ter reunións máis discretas, lonxe do ruxido dos medios. E aló para setembro, despois das vacacións do verán, aparecerán outra vez no escenario vestidos de magos e dirán: "Nada por aquí, nada por alá; un Goberno de cooperación!". E logo veremos que non é máis que unha repartición de ministerios dos que todos quedan moi ledos e celébrano moito. Atoparon o concepto que lles permite non chamar ás cousas polo seu nome. Mentres chega, celebremos o gran
descubrimento de Iglesias: "Un Goberno conxunto é un Goberno conxunto", grazas, Pablo. E tamén o de Adriana Lastra: "Un goberno de cooperación é incluínte, non pechado como o de coalición". E eu, Valiñas, quedo con ganas de dicirlles: "Grazas, Pablo; grazas, Pedro. Se me gustades, é polo ben que vos expresades".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí