CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alfonso Marnotes: "Unha maioría absoluta rotunda non é un obstáculo para chegar a acordos"

12/06/2019 - 08:21 h

O ex-director xeral de Orientación Laboral da Xunta, Alfonso Marnotes, foi a persoa escollida pola presidenta da xestora do PP vigués para substituír a Elena Muñoz, que abandona a corporación tras o desastre electoral.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Marnotes asegura que fará unha oposición "seria, eficaz, firme e tamén construtiva, propositiva. Temos que estar ao servizo da cidade nos grandes temas que necesitan consensos porque o noso obxectivo é servir aos veciños".

O novo voceiro municipal do PP de Vigo recoñece que non será doado exercer a oposición nun consistorio no que o grupo de Goberno ten unha maioría absoluta rotunda, pero promete estar á altura.

"Asumímolo con responsabilidade, pero cremos que debe facerse un traballo serio. Non hai nada doado, teño certa experiencia no ámbito local. Pero tamén no ámbito autonómico o PP goza de maiorías absolutas e tamén chega a acordos coa oposición, e pensamos que ese é o camiño. Unha maioría absoluta rotunda non é un obstáculo para chegar a acordos, para ter man tendida e para traballar a prol da cidadanía".

Marnotes asegura que é cedo aínda para definir a estratexia e as liñas do futuro do grupo municipal remuda de Elena Muñoz.

"É precipitado falar de cambios; debemos construílo de forma coordinada coa comisión xestora do partido e consensuada entre nós". Tampouco aclara se o candidato á alcaldía nas vindeiras municipais sairá do grupo: "Correspóndelle á comisión xestora e ao partido tomar as decisións orgánicas".

A súa prioridade á fronte do grupo local do PP vigués pasa por "poñer enriba da mesa os temas importantes para a cidade de Vigo".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí