CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alfonso Rueda: "Cos cambios de Costas, o Goberno teno tan fácil como escribir unha cousa en vez doutra"

12/03/2021 - 08:17 h

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirma que o Goberno está a tempo de modificar a futura lei que limitará as concesións de Costas. Segundo explicou Rueda no 'Galicia por diante', cambiar a redacción sería moi doado, agora que aínda se está tramitando. Do contrario, se a norma segue adiante, di Rueda, moitas fábricas terían que pechar e miles de familias quedarían sen traballo.

"Coa redacción da nova lei de cambio climático ponse en perigo motísimas industrias que están asentadas en Galicia e que supoñen miles de postos de traballo. Non só é Ence, senón tamén moitas relacionadas coa cadea mar-industria. Con esa redacción, e dío todo o mundo menos o Goberno, teñen moi comprometida a súa continuidade. Polo tanto, o Goberno teno tan fácil como cambiar, agora que están en plena redacción da lei. É só escribir unha cousa en vez doutra e con iso quedaría garantida a seguridade e a tranquilidade de moitísimas empresas e das familias que viven desas empresas, case 5.000 que dependen de Ence e as miles e miles que dependen da cadea mar-industria, que é tan potente en Galicia".

"É tan sinxelo como isto. E o Goberno empéñase en que non, empéñase en seguir dicindo que non se van producir os efectos que todo o mundo di que se van producir e todos os expertos xurídicos, por encargo desas empresas e a Xunta de Galicia, tamén a asesoría xurídica, está vendo que con esa redacción se produce unha enorme inseguridade xurídica e o Goberno teno tan fácil para cambialo e non quere facelo. A pregunta é por que, que hai detrás de todo isto, e por que ese empeño en non modificar unha frase dunha lei. O Goberno aínda está a tempo. Sábeo a Xunta de Galicia e é o que saben as miles e miles de familias".

"Eu espero que o Goberno acabe entrando en razón e que simplemente faga unha redacción desa lei de cambio climático que por suposto, e niso estamos todos de acordo, supoña unha preservación dos valores ambientais, somos os primeiros interesados, estamos perfectamente comprometidos con todo o que supón as modificacións derivadas do cambio climático, pero tamén cos postos de traballo. Todo é compatible. O que non pode ser é levar por diante a seguridade de tanta xente en Galicia".

Fóra diso, Rueda dixo estar á espera do que aprobe hoxe o Goberno sobre as axudas directas que anunciou o presidente, Pedro Sánchez, hai un mes. Di que é unha boa noticia, pero pide axilidade para que os cartos cheguen canto antes a aquelas persoas que realmente os necesitan.

"É o de menos quen as reparte", dixo Rueda, aínda que defendeu que a Xunta ten ferramentas adecuadas para facelo.

O vicepresidente da Xunta tamén se amosou confiado en ir abrindo "pouco a pouco" as restricións na hostalaría. "Agardo que se todo segue así e todos seguimos sendo prudentes, poidamos pouco a pouco ir relaxando as medidas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia