CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José González: "Vai vir moita xente que tiña a terra sen regularizar e agora con estes instrumentos poderá facelo"

12/01/2021 - 08:18 h

O conselleiro do Medio Rural, José González, explicou no Galicia por diante o proxecto de lei de recuperación de terras, que onte rexistrou no Parlamento o grupo popular. É, segundo o conselleiro, "unha caixa de ferramentas" para que os donos de leiras sen traballar poidan cedérllelas aos labregos, gandeiros ou propietarios forestais que están en activo e non dan atopado terras abondas para traballar.

"Nós non buscamos quedar coa terra de ninguén. Só faltaría! Nós o que queremos é que a xente regularice as súas propiedades. Cando poñamos en marcha algún dos instrumentos de recuperación, entendemos que vai vir moita xente que tiña a terra sen regularizar e que agora con estes instrumentos van poder regularizala. Porque ademais esa terra toda queda correctamente recollida no Catastro. Actualizamos o Catastro e inscribímola tamén no Rexistro da Propiedade".

"O que queremos en definitiva é que a xente que hoxe ten dificultades incluso para saber onde están as súas terras poida regularizar esa situación e queremos facilitar esa regularización. Ademais, a súa terra poderá darlles rendemento, en lugar de tela hoxe abandonada sen ningunha rendibilidade".

O conselleiro recordou ademais que, en caso de que un propietario lle alugue as terras a un labrego activo a través do sistema público, a Xunta garantiralle a renda pactada, aínda que o labrego non pague en tempo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia