CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Carmen Pomar: "As obras nos centros non van interferir na xornada escolar"

11/09/2019 - 08:12 h

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, analizou o comezo do curso escolar hoxe en Infantil, Primaria e Educación Especial con "case 197.000 rapaces e rapazas". Destaca que "respecto ao ano pasado a matrícula non ten demasiadas diferenzas, xa que hai unha pequena baixada da matrícula en primaria, hai unha pequena suba da matrícula en infantil, pero en datos netos estamos a falar da mesma matrícula". Pomar di que "esperamos que o día vaia coa mesma normalidade que este primeiro día de curso sempre trae consigo".

Sobre as últimas queixas de asociacións de pais e profesores polo feito de que aínda non remataron as obras de mellora realizadas este verán en varios centros educativos, a conselleira de Educación fixo un chamamento á "tranquilidade" das familias e dos equipos docentes. Explica que "este foi un verán de obras, xa que se acometeron 200 pequenas obras e 50 obras cun carácter máis importante" e admite que varios centros "van ter que convivir durante algúns días, non con obras no horario lectivo, pero si aínda con eses andamios e con algunha aula que aínda non está pintada". Carmen Pomar asegura que "non vai interferir isto no que é a xornada escolar. Está todo programado para que todos eses remates ou actuacións que aínda faltan se fagan despois de que os nenos e as nenas abandonen o centro; polo tanto, non van convivir coas obras. Ademais, está todo programado por fases para que as interiores estean rematadas xa hoxe para que poidan entrar nas aulas e se deixe para o último lugar o exterior e, por outra banda, hai un protocolo de seguridade por parte das empresas en combinación coas unidades técnicas da Consellería para que non haxa ningún incidente e para que todo teña a seguridade necesaria que, evidentemente, supón ter rapaces e rapazas nunha aula e tamén equipo docente".

Sobre a proposta da Fiscalía Xeral do Estado de instalar cámaras de videovixilancia nas aulas e noutras instalacións educativas para previr posibles agresións sexuais a menores, Carmen Pomar di que "neste momento en Galicia hai instalada algunha cámara nalgún centro educativo no perímetro da parcela, que funciona polas noites para evitar actos de vandalismo". Neste senso, sinala que "nestes momentos non está na axenda da Consellería de Educación instalar estas cámaras, agás que algún tipo de incidencia grave recomende o contrario. En calquera caso, hai un protocolo da Axencia Española de Protección de Datos que tamén temos que respectar".

Sobre o proxecto de universidade privada en Galicia que impulsa Abanca, a conselleira de Educación di que "este proxecto ten un calendario longo e hai unha serie de pasos que se teñen que dar antes de que isto sexa un feito consumado. Polo tanto, desde diversas institucións e desde distintos órganos ten que haber un consenso e informes positivos. Neste momento hai un informe positivo do que ten que ver coa dispoñibilidade e coa operatividade socioeconómica do proxecto, pero isto non quere dicir nada porque calquera lei, incluída unha lei que teña que ver cunha universidade privada, debe ser levada e debe ser aprobada no Parlamento". Pomar indica que "non estamos a falar de algo inmediato, senón de algo que leva o seu tempo e, ademais, vai ser sempre consensuado e aprobado por todos os órganos que o necesiten". A conselleira de Educación afirma que "está claro que unha universidade privada nunca debe minguar e nunca debe prexudicar o sistema público e, neste caso, o sistema das universidades públicas de Galicia. Polo tanto, serán todos eses órganos de análise e, dalgunha maneira de consenso, os que tamén determinarán se esa universidade privada ten cabida ou non no sistema universitario galego... e nos meses vindeiros iremos vendo como se vai desenvolvendo esta iniciativa".


As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí