CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fracaso de negociación

11/09/2019 - 07:34 h

Antes de nada, déixeme confesar algo, padre Valiñas: se por algo desexo que haxa acordo ou rompa todo dunha maldita vez, é por non ter que falar máis deste asunto, que xa temo que aburra as ovellas. E feito ese desafogo, imos coa teima. Tecnicamente, o que pasou onte é un fracaso; un fracaso máis de tres meses de intentos de formar goberno. Politicamente, está claro que é un paso máis cara ás eleccións. Pero só un paso máis. Aínda falta esa frase de remate que é a de Carmen Calvo dicíndolle a Echenique aquilo de "verémonos o 10 de novembro", pero dito así, en plan de película do oeste. Mentres iso non se diga, aínda cabe unha pequena posibilidade. Non é moi grande e, de feito, resúmese na palabra medo. Mellor dito, na palabra pánico. É dicir, a ver quen lles colle máis pánico aos votos de novembro e dende ese pánico dá o seu brazo a torcer. Hoxe, o xornal eldiario.es asegura que o recado de Pedro Sánchez a Pablo Iglesias é: ou renuncias á coalición ou non haberá máis conversacións. Aí está todo.

Ao final é unha cuestión de cadeiras, como o foi sempre: ou se lle deixan todas a Sánchez, "como partido único, como se tivese maioría absoluta", di Echenique, ou non hai máis que falar. Un dos misterios que queda sen desvelar é por que Sánchez vía ben en xullo que Unidas Podemos tivese unha vicepresidencia e tres ministerios e agora non está disposto a entregar ningún. Só se entende dende o que di o propio Sánchez: que lle viu as orellas ao lobo. E esas orellas din que Podemos quere estar no Goberno, pero con autonomía, e iso é como ter dous gobernos marcados, encima, pola desconfianza.

O outro misterio é por que levan meses sen falar Pedro Sánchez e Iglesias, por que non se sentaron a discutir o que medio se discute nas xuntanzas dos negociadores. Eu teño a impresión de que Sánchez lle ten medo a esa reunión. Iglesias é brillante e contundente e non é doado de bater nun man a man. Esa é unha das grandes incompatibilidades dos dous persoeiros, e fai que as conversacións sempre estivesen coxas. Todo xunto, pasado o tempo, anunciaba este desenlace de desencontro e fracaso.

Que vai pasar agora? Pois temo que Podemos non vai renunciar á coalición, co cal imos de cabeza ás urnas. A única posibilidade de evitalas, insisto, é que o medo faga renderse a unha das partes. Pero temo que Sánchez e Iglesias están a punto de poñer un epitafio na tumba de acordo; un epitafio que di: "Aquí está enterrado un pacto". Morreu nun desafío onde os combatentes dicían "para chulo, eu". 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí