CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O representante de Faconauto: “É o momento de renovar os vehículos de máis de dez anos”

11/07/2019 - 08:12 h

José Ramón Ferreiro, representante de Faconauto, considera que agora é o momento máis favorable para dar de baixa os coches de máis de dez anos e mercar un novo grazas ás axudas que entran en vigor o próximo 24 de xullo.

Serán importes de 500 ou 750 euros, que os concesionarios, como mínimo, duplicarán. Con esta medida, Ferreiro agarda revitalizar as vendas, que levan dez meses consecutivos de caída, e renovar un parque móbil moi antigo en Galicia.

"Hai vehículos de máis de 25 anos circulando polas estradas galegas, que practicamente non contan con ningún sistema de seguridade. Aí é onde hai que poñer o foco, non só nas emisións, que tamén. Creo que é o momento de renovar e sacar do parque móbil eses vehículos”.

Aqueles que queiran acollerse a estas axudas teñen ata o 15 de outubro para mercar modelos de menos de 40.000 euros. O coche ou furgoneta que se dea de baixa deberá ter máis de dez anos, matrícula española e ITV en vigor. O titular do vehículo novo terá que ser o mesmo polo menos durante un ano.

No primeiro semestre de 2019, as vendas caeron en Galicia un 14,7% con respecto ao ano pasado, sendo a quinta comunidade con maior descenso de matriculacións.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí