CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Carmen Pomar: "Non é imposible unha proba única de selectividade en toda España"

11/06/2019 - 08:10 h

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, insiste en pedir que "se nivelen as probas da ABAU en todo o Estado español porque de sobra é coñecido que en determinadas materias, con respecto a outras comunidades autónomas, o nivel de dificultade, neste caso de Galicia, é maior, polo tanto isto o que provoca é unha desigualdade nas oportunidades para os mozos e as mozas galegos, non só á hora de teren mellores notas na proba da ABAU, senón tamén á hora de optaren por unha praza nunha determinada titulación que esixe unha nota alta de corte".

Pomar cre que nestes momentos "non existe un nivel equitativo de dificultade en todas as probas da ABAU que se fan nas comunidades autónomas". Por iso, a conselleira de Educación anuncia que "eu mesma teño a intención de viaxar a principios do curso que vén a Madrid para falar cos ministros ou ministras correspondentes sobre este tema".

Sobre a posibilidade de realizar unha proba única de selectividade, a conselleira de Educación considera que "unha proba única non é imposible, é dicir, é cuestión de analizalo e de traballalo con calma e con racionalidade e pode ter como complexidade o feito de que as comunidades autónomas teñen transferidas as competencias en materia educativa; polo tanto, hai diferenzas tamén nos currícula do alumnado do Bacharelato entre unha comunidades e outras".

En todo caso, Carmen Pomar cre que "entre unha proba única e estar como estamos hai probablemente un abano de grises que se poden negociar, poñer enriba da mesa e estudar" e insiste en que "non é imposible chegar a esa proba única, pero, independentemente do resultado, está claro que neste momento hai desequilibrio entre unhas comunidades e outras e é importante intentar eliminalo para que os mozos e as mozas se sintan libres á hora de escoller unha carreira para o seu futuro".

De cara ao curso vindeiro, o sistema universitario terá máis prazas en nove graos universitarios, entre eles Enxeñería Informática, Psicoloxía, Matemáticas e Dereito, e haberá catro novas titulacións: Ciencia e Enxeñería de Datos na Coruña, Creación Dixital, Animación e Videoxogos tamén na Coruña, Xestión Dixital de Información e Documentación en Ferrol e Robótica en Lugo. A conselleira de Educación considera que "estes catro títulos novos o que fan é adaptar as titulacións universitarias ás demandas sociais e do tecido produtivo e empresarial e están relacionados coa era dixital e as novas tecnoloxías". Di que o aumento de prazas en nove graos tamén responde "a esta adaptación aos novos tempos, a novas demandas e o sistema universitario galego ten que estar absolutamente conectado coa realidade galega".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí