Galicia por Diante
Adianto das eleccións
Ben, pois xa estamos metidos outra vez en danza. E todo porque ao señor Torra, como está metido en tanas leas, se lle ocorreu saír delas anunciando que adiantará as eleccións en Cataluña. Non se sabe a data, pero hai que supoñer que caerían ao principio do outono, porque a sentenza firme do Supremo agárdase para esas datas e, unha vez asinada a sentenza, se é condenatoria, o presidente catalán cesa automaticamente. Así o prevé o Estatuto de Autonomía. E el quere ser o que as convoque.
Aquí debería haber unha lista de cortesía que dixese: póñase á cola, señor Torra, que as datas de setembro e de outubro xa están collidas por Urkullu e por Feijóo. Pero, como non hai esa norma, o lehendakari e o noso presidente teñen que facer o que fixeron: adiantarse co calendario posible. E o calendario posible é o 5 de abril, Domingo de Ramos. Urkullu fabricou un relato e tratou de xustificar o adianto dicindo que ten por diante un programa lexislativo que desenvolver. A verdade é que lle convén para negociar os Orzamentos do Estado e, sobre todo, porque non quere, igual que Feijóo, coincidir coas urnas de Cataluña. E por que non queren os dous presidentes coincidir cos cataláns? Pois supoño que é porque todo o que pasa en Cataluña, como ten aires tan dramáticos, tapa as urnas do País Vasco e de Galicia. Urkullu e Feijóo non podían facer outra cousa.
Dende un punto de vista xeral, non é boa noticia: as eleccións nas tres comunidades históricas –nacionalidades, di a Constitución—fan que se prolongue un ano máis o clima electoral, co que iso supón de tensións entre os partidos, de electoralismo e de pouca disposición a acordos. Este país necesita unha tregua, despois de tantas urnas, e todas elas moi transcendentes. E este país necesita tamén que o proceso de diálogo aberto cos independentistas de Cataluña non estea condicionado polos intereses dos partidos.
Agora o feito, feito está. En Galicia, que é o que nos importa, as eleccións van ser apaixonantes. As esquerdas poden subir en votos, máis polo efecto goberno de coalición en Madrid que por méritos propios. Feijóo vai gañar, segundo todas as enquisas, pero ten que gañar, como sempre, por maioría absoluta e vai ser moi presionado para que abra as portas a unha alianza con Ciudadanos, cousa que non quere nin debe facer. As esquerdas soñan con conquistar Galicia e o Partido Popular quere manter a súa xoia da coroa. Tempos moi interesantes, benquerido Valiñas. E xa metidos en danza, dirémolo moitas veces antes do 5 de abril: que gañe o mellor.