CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Miguel Conde: "O ERE temporal de 6 meses que propón Alcoa é un despedimento en diferido"

11/01/2019 - 08:13 h

Un dos representantes de Comisións Obreiras no comité de empresa de Alcoa na Coruña, Miguel Conde, cifra en "200 empregados os despedidos" na planta coruñesa, se sae adiante a última proposta da multinacional.

Alcoa propón manter 200 empregos para que sigan operativas as fundicións da Coruña e Avilés e a torre de pastas da Coruña. Para os arredor de 500 traballadores restantes aplicaríase ata finais de xuño un ERE temporal, á espera de que nos próximos meses apareza un posible comprador. En caso de que que non haxa comprador, serían despedidos a partir de xullo cunha indemnización de 45 días por ano traballado. Así mesmo, Alcoa pretende abrir un proceso de baixas voluntarias incentivadas para os empregados de 57 anos ou máis da planta luguesa de San Cibrao, que xerarían vacantes que se poderían cubrir con operarios da Coruña e de Avilés. Tamén os operarios que traballen na Coruña e Avilés de máis de 57 anos poderán prexubilarse co 70 por cento do soldo ata que fagan os 63.

Miguel Conde considera que "isto non é máis ca un engano ao Goberno de España e á Xunta de Galicia para abaratar os custos de peche das plantas e, con isto, Alcoa quere evitar pagar os despedimentos a todo o mundo e quere evitar deixar os terreos nas mesmas condicións en que os colleu no seu día". Cre que "esta prórroga de seis meses é un despedimento en diferido por parte de Alcoa porque a empresa en ningún momento está interesada en facer unha posta a punto da electrólise e que o único que quere é apagala e, unha vez que se apaga a electrólise, é case imposible volvela arrancar". Neste sentido, o representante de Comisións Obreiras no comité de empresa sinala que Alcoa "está disposta a entregarlle as plantas ao Goberno de España para que as tutele e, por iso, solicitámoslle ao Goberno de España que recolla esa luva que acaba de botar Alcoa" para xestionar a través da SEPI as fábricas mentres se atopa un novo comprador, que cos plans de Alcoa ve "case imposible".

Miguel Conde fai un chamamento para secundar o domingo a manifestación que a partir das 12 do mediodía percorrerá as rúas da Coruña en contra do peche das plantas herculina e de Avilés.

"Temos que darlles un claro exemplo ao Goberno e á Xunta de Galicia de que a sociedade da Coruña, galega e española non vai permitir máis despedimentos de postos de traballo en Alcoa e no resto de empresas", indica Conde.

 O luns haberá unha nova reunión entre a dirección de Alcoa e os representantes sindicais, que insisten en solicitar tamén unha xuntanza con altos cargos do Ministerio de Industria.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí