CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Baltasar Garzón, ex-xuíz

11/01/2017 - 08:20 h
Baltasar Garzón, ex-xuíz

O ex-xuíz Baltasar Garzón critica as presións sobre a xuíza Pilar de Lara, que buscan -di- influír nas causas que instrúe a maxistrada. Nos micrófonos do 'Galicia por diante', Garzón referiuse ás conversas que saíron á luz de compañeiros de maxistratura da xuíza que instrúe os casos Pokemon, Carioca e Cóndor.

"Ten que haber un reforzo de medios para que a xuíza poida atender o seu traballo", dixo en referencia á dilatación das causas, "pero tamén unha protección fronte a eses ataques que está recibindo".

Garzón referiuse ás presións que viviu na súa propia persoa e que acabaron coa súa inhabilitación por once anos.

É o canon que se ten que pagar por ser independente. Non me arrepinto, asumo o que sucedeu e tomo enerxía para seguir adiante

O xuíz tamén falou do caso YAK-42 e non descarta que as familias consigan levar de novo o asunto aos xulgados, porque houbo moitos aspectos que non se investigaron o suficiente, como os relacionados co financiamento, dixo.

Sobre a intención do ex-ministro Federico Trillo de regresar á súa praza como letrado do Consello de Estado, cre que debeu dimitir como embaixador en Londres, "lugar onde nunca debeu de estar", pero recoñece que ten dereito a retomar a súa praza de funcionario: "Outra cousa é que deba facelo".

Baltasar Garzón estará hoxe en Vilagarcía participando nun acto en homenaxe ao xuíz Luis Pando, fusilado no 36. Nos micrófonos da Radio Galega aproveitou para reivindicar de novo o recoñecemento das vítimas do franquismo e a recuperación da memoria histórica.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí