Galicia por Diante
Francisco Conde: "Hai que ter cautela, pero podemos estar ante unha segunda oportunidade para a planta das Pontes"
O conselleiro Francisco Conde explicou no 'Galicia por diante' que as novas probas que vai facer Endesa na térmica das Pontes, para analizar polo miúdo as condicións para ir reducindo a cantidade de carbón, poden abrir unha porta de esperanza para a planta.
"Hai que ter cautela, pero si é certo que estamos ante unha segunda oportunidade para ver se somos capaces de atopar cal é o futuro e cales son as solucións. Hai que centrarse en que é o que se precisa desde o punto de vista técnico, ambiental e económico".
"Hai unhas probas que deron uns resultados satisfactorios canto a combustión, canto á mestura de carbón e de lodos. O que temos que identificar agora é realmente que se precisa desde o punto de vista económico e tamén desde o punto de vista ambiental, en termos de emisións".
"O que hai que facer é volver reavaliar esas probas. Participará o Ministerio, a través do IDAE, e participará a Xunta de Galicia, a través do INEGA. Polo tanto, será un traballo con rigor, profesional e técnico e o que precisamos é identificar exactamente que é o se precisa. Nese obxectivo é onde podemos identificar se realmente as Pontes ten unha segunda oportunidade. A Xunta de Galicia entende que si".
O conselleiro tamén amosou a súa preocupación polo futuro da electrólise na planta de aluminio de Alcoa, en San Cibrao. Explicou que a poxa de interrompibilidade que publicou o Goberno en funcións no BOE, que establece menos descontos nos prezos da electricidade que en anos anteriores, "pode ser a antesala dun peche".
Con todo, di o conselleiro, eses descontos son só unha peza máis das medidas que pode artellar o Goberno e recordou que a Xunta propuxo por varias veces usar axudas para compensar o CO2, as peaxes eléctricas e a fiscalidade.
"Se o Goberno ten como obxectivo darlle continuidade a Alcoa, estao disimulando moi ben. Os traballadores están preocupados, a Xunta de Galicia está preocupada e realmente así llo transmitimos á ministra. Esperamos unha reacción".