CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Román Rodríguez: "O 70% das nosas aulas de secundaria e primaria teñen menos de 20 alumnos"

10/09/2021 - 08:17 h

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, avanza na Radio Galega, no 'Galicia por diante', a contratación de máis profesorado na FP e anuncia que o martes, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, concretará o número de docentes en Formación Profesional, secundaria e bacharelato.

"Vai haber moitos máis profesores que hai dous anos. Xa anunciamos que en primaria e infantil, onde xa temos a estrutura pechada, haberá 160 unidades máis e 220 profesores máis. Fáltanos definir os profesores en secundaria, bacharelato e FP. Na comparecencia no Parlamento darei a coñecer o dato, cun axuste do 4% ou do 5% de variación, pero en FP haberá máis profesores que hai dous anos porque incrementou a demanda cun aumento da matriculación, no mes de xuño, do 10%". Román Rodríguez recoñece que a redución da distancia de seguridade nas aulas a 1,2 metros provoca que en secundaria "haxa menos desdobres". O conselleiro asegura que Galicia, xunto con Estremadura, son as comunidades coas mellores ratios profesor-alumno e indica que "a porcentaxe está por baixo dos 10 alumnos por cada profesor. As ratios no sistema educativo español levan estabilizados moito tempo e ratificáronse coa LOMLOE e Galicia cumpre e mellora esas ratios. O 70% das nosas aulas teñen menos de 20 alumnos por aula".

Coas aulas de infantil e primaria en funcionamento, Rodríguez destaca que o mellor indicador é a "normalidade" coa que comezou o curso escolar e confía en que "o curso evolucione con normalidade porque hai un grande elemento que é a vacinación das persoas maiores de 12 anos. O sistema educativo de Galicia está preparado".

Cuestionado sobre os últimos cambios lexislativos aprobados polo Goberno central, coma o anteproxecto da lei de universidades ou a nova lei de Formación Profesional, Román Rodríguez repróchalle ao executivo de Pedro Sánchez que "hai unha especie de incontinencia lexislativa porque en moi pouco tempo estanse a cambiar todas as normas educativas de España. Non sei se hai unha axenda oculta ou que se pretende facendo cambios con obscurantismo, rapidísimo e sobre todo, o máis preocupante sen contar coa participación das comunidades autónomas, que somos quen executamos e quen temos competencias educativas, e de costas ao conxunto da comunidade educativa e cun matiz político e ideolóxico moi forte".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia