CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

PSOE-UP, novo intento

10/09/2019 - 07:37 h

Non será este escribidor, benquerido Valiñas, quen estrague a esperanza de que desa xuntanza de hoxe saia algún tipo de acordo. Aprendín de pequeno en Mosteiro que, mentres hai vida, hai esperanza e, mentres se fala, algo se pode acordar. Teño, ademais, a impresión de que Pedro Sánchez empeza a recuar algo. Xa non parece tan decidido a ir ás eleccións, quizais porque as enquisas anuncian que, se as hai, imos seguir igual, ou porque lle din que os seus electores están pouco mobilizados. Xa non os mobiliza nin o espantallo das tres dereitas.

O que pasa é que, para que esta xuntanza saia ben e acabe con algo positivo, os dous partidos teñen que cambiar as bases da súa postura. Porque hoxe, segundo todos os indicios, chegarán á reunión igual que empezaron no mes de xullo: Unidas Podemos, empeñado en que non hai máis solución que entrar no Goberno. O PSOE, emperrado no apoio ao programa, e, ademais, por catro anos. Nada de coalición nin apoio gratis na investidura, que, como diciamos onte, sería un agasallo envelenado. O que di Podemos, que se se parte de onde quedaron as negociacións antes de agosto resolvería o problema en cuestión de horas, é unha boa frase, pero onde se quedou antes de agosto era precisamente na repartición de ministerios, que a Pablo Iglesias lle soaba como unha humillación, a pesar de que Irene Montero ía ser vicepresidenta.

Así, o máis prudente por parte do comentarista é, coma sempre, agardar e ver. Agardar a que falen e comentar despois o que nos queiran dicir, que tampouco será moi de fiar, porque isto é unha feira e ten moito de representación teatral. Sigo pensando que aquí non se trata tanto de buscar un acordo como de buscar un culpable de que haxa que convocar eleccións. E culpable diso non o quere ser ninguén. Por iso non se levantan da mesa, por iso Carmen Calvo é quen colle o teléfono para chamar e ademais quere que se saiba, e por iso Pablo Iglesias ten un novo discurso de ataque a Pedro Sánchez. Hoxe é para dicirlle que con el nunca hai xeito de pactar.

Penso, por último, que o único político que ten algo de razón é o voceiro do PNV no Congreso, Aitor Esteban, que lles acaba de botar esta reprimenda: "Se non van chegar a un acordo, dígano xa". Si, señor, dígano xa. Dígano hoxe mesmo, que se esgota a paciencia. E, se non, digan polo menos se os que falan están dispostos a renunciar a algo. Porque onte dicía o presidente do Poder Xudicial que o bloqueo está prexudicando o prestixio da xustiza española. E non só da xustiza, señor Lesmes, tamén de toda a armazón institucional. Sobre todo, despois da ocorrencia de Sánchez de repartilo entre dous.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí