CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Raúl Blanco, secretario xeral de Industria: "Alcoa ten decidido marchar. Debe deixar paso a outros investidores"

10/06/2020 - 08:30 h

O secretario xeral de Industria do Ministerio afirmou na Radio Galega que se a dirección de Alcoa ten a convicción de non seguir funcionando en San Cibrao debe comunicalo claramente e deixar paso a outras iniciativas interesadas en facerse coas instalacións da Mariña para seguir producindo aluminio.

Segundo Raúl Blanco, na xuntanza que mantiveron onte todas as partes, o Goberno comunicoulle á empresa que a aprobación do estatuto das electrointensivas vai ser inminente, ao que a dirección da multinacional respondeu, segundo Blanco, "que lle daba igual, que non ía cambiar os seus plans". "Xa coñecemos a intencións de Alcoa e o seu modus operandi: queren unha morte por capítulos. A clave é que haxa un proxecto viable e que se Alcoa non o quere que deixe paso".

O número 2 do ministerio de Industria asegurou que Alcoa está facendo en San Cibrao o mesmo que noutra das súas fábricas principais nos Estados Unidos, que vai rematar con 700 despedimentos: "É un proceso xemelgo, alí deixan de producir malia que o Goberno lles concedeu deducións fiscais, prezos beneficosos da enerxía ou axudas á formación. Forma parte da estratexia global da compañía".

Malia iso, Raúl Blanco sostén que o Goberno vai traballar para atopar tódalass posibilidades que fagan viable manter a produción en Alcoa San Cibrao e sobre unha posible intervención pública sinalou que "primeiro hai que ter proxecto industrial viable e despois pódese estudar o papel público, as administracións apoiarán se hai un proxecto viable".

Ademais, Blanco avanzou que a semana que vén aprobarase o fondo de garantía para as empresas electrointensivas, de 200 millóns de euros para avalar operacións de contratación bilateral, e a semana seguinte aprobarase o estatuto das empresas electrointensivas.

Tamén se amosou convencido de que o sector do aluminio se poderá beneficiar dos plans de reconstrución cos fondos extraordinarios que porá en marcha a Unión Europea. Sinalou que "o comisario de Industria definiu 14 ecosistemas prioritarios no plan de reactivación e un deles é a industria electrointensiva. É un dos que vai estar aí, que os países europeos teñen interese en reactivar, en preparar para o futuro".

 

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia