CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Conde, conselleiro de Industria: "O Goberno engana os traballadores de Alcoa"

10/06/2020 - 09:19 h

O conselleiro de Industria asegurou na Radio Galega que o Goberno Central utiliza como "escusa e cortina de fume" que a dirección de Alcoa xa ten tomada a decisión de marchar para "non asumir a súa responsabilidade". Unha responsabilidade que, para Francisco Conde, pasa pola aprobación do estatuto das empresas electrointensivas, que o "Executvo leva dous anos sen facer". Neste senso, Conde explicou que a Xunta presentou alegacións ao borrador do estatuto no mes de febreiro e que dende entón non recibiu contestación nin tampouco información "dun borrador que o Goberno xa ten redactado".

O conselleiro de Industria acusa o Executivo de Pedro Sánchez de falta de compromiso con Alcoa: "O Goberno chegou a dicir que o prezo eléctrico é unha cuestión circunstancial, con esa atitude estamos ante un Goberno que deixa fóra da súa axenda ás industrias electrointensivas e en poucos meses podemos ver a outras empresas na mesma situación que Alcoa".

Segundo Francisco Conde, o ministerio de Industria "está ausente e o Goberno silencia á industria e utiliza o medio ambiente como excusa pra pechar industrias básicas. É unha decisión política: o cambio climático debe desprazar á industria. É unha posición ideolóxica que avoca a perder postos de traballo e coa que o Goberno engana os traballadores de Alcoa".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia