CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Caamaño: "Desescalar significativamente ou durante Semana Santa sería un grandísimo erro"

10/03/2021 - 08:14 h

O profesor titular de Medicina Preventiva e saúde pública da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Caamaño, advirte que adoptar novas medidas de desescalada ou flexibilizar as restricións durante a Semana Santa suporía "un grandísimo erro". Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Caamaño apunta que tras o levantamento das limitacións en Galicia, "a baixada de contaxios de coronavirus deixou de ser tan pronunciada e comeza a repuntar".

Francisco Caamaño amósase en contra das peticións da hostalaría que pide ampliar o horario de apertura ou atrasar o toque de recollida. Asegura que "modificar o toque de recollida sería un erro porque sabemos que a determinadas horas o comportamento cambia. Ampliar o horario ata as oito ou nove da noite creo que non sería unha boa decisión e menos facéndoo coincidir coas vacacións de Semana Santa, o Día do Pai ou ponte festiva. Sería unha mensaxe equivocada para a poboación".  

Caamaño cre que estamos a tempo de evitar unha cuarta onda ou polo menos unha que non sexa tan letal coma a terceira. Apunta que "estamos avanzando na vacinación, cada día temos máis xente inmunizada, pero todo dependerá do comportamento que teñamos. Temos cepas do virus máis contaxiosas e que están moi presentes. Hai que insistir en non reunirnos con persoas non coviventes, apostar por lugares abertos ou buscar locais de hostalaría con pouca xente".

Admite que a "campaña de vacinación está a coller certa velocidade" e cre que se incrementará ese ritmo coa paso dos días e a chegada de novas vacinas. Pide ás autoridades evitar "calquera nacionalismo europeo. Se a vacina é chinesa, soviética ou rusa... calquera vacina autorizada cumpre os criterios. A mellor vacina é a que nos poñen".

Opina Caamaño que este verán será distinto ao do ano pasado. Cre que haberá que gardar medidas, pero cre que poderemos limitar o uso da máscara só a espazos pechados.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia