CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda: "Que nos computen como déficit os cartos que nos deben sería o máximo rizo mundial, un cachondeo"

10/02/2020 - 08:49 h

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou hoxe no Galicia por diante os resultados da reunión que mantiveron o venres en Madrid o Goberno e mais as comunidades autónomas. Na xuntanza falaron, entre outras cousas, dos cartos que lles debe o Executivo central polo IVE non liquidado de 2017 e tamén os incentivos por teren cumprido os obxectivos de déficit.

"O Goberno segue enrocado. Segue sen pagar. Eu pedín formalmente que se tivesen en consideración (os incentivos polo déficit). E a ministra tivo unha contestación moi educada. A ministra dixo que tomaba nota. A ver se agora, á parte de tomar nota, pois toma cartas no asunto, nos senta e nos poñemos a instrumentalizar o que se nos debe".

O conselleiro rexeita a posibilidade que ofreceu o Goberno: un préstamo para que as autonomías poidan facerlle fronte á falta do IVE.

"É o mundo ao revés. O que se nos ofreceu alí era que as comunidades autónomas aceptásemos un préstamo, é certo que a xuro cero, que nos facía a Administración central a nós, ás comunidades autónomas. Como se nós fósemos os debedores. Non, é moito máis fácil: quen é o debedor das comunidades autónomas é o Goberno central. É un engano masivo, porque as débedas ao final hai que pagalas. Nós non queremos máis débedas para os nosos cidadáns, e moito máis cando é a Administración central a que lles debe ás comunidades autónomas".

O conselleiro rexeita a posibilidade de que esas débedas sexan computadas, nas contas definitivas, como déficit das autonomías.

"Non se pode dicir que che quito case 205 millóns de euros e enriba que nos diga que nós por iso non cumprimos. Entón xa sería o máximo rizo mundial. Sería un cachondeo, se me permite a expresión. Que che leven case 205 millóns de euros e enriba que chos queiran computar como se foses ti o malgastador. Non, non, mire: nalgún lado están eses cartos. Aquí non están, en Galicia; non están en ningunha comunidade autónoma. Obviamente onde están é na Administración central. Arranxe a súa vida e a min déixeme en paz".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia