CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fontenla: "Hai empresas interesadas en comprar as plantas de Alcoa da Coruña e Avilés"

09/11/2018 - 08:24 h

O voceiro da patronal galega, Antonio Fontenla, mantén que hai empresas interesadas en comprar as plantas de Alcoa da Coruña e Avilés.

Fontenla explicou no 'Galicia por diante' que un empresario importante do sector lle confirmou que mantiña contactos coa multinacional. "Un amigo meu díxome que estaba negociando con Alcoa. Sondoume acerca da situación para investir e mesmo me consultou qué opinaría o Goberno galego. O empresario en cuestión díxome que había outra empresa interesada que competía con eles".

O voceiro provisional da CEG e presidente da patronal coruñesa acolleu con preocupación o anuncio de que a planta de aluminio de San Cibrao vai pechar este ano con perdas por primeira vez. Antonio Fontenla agarda que a factoría de Lugo volva ser rendible para non verse na mesma situación que as de A Coruña e Avilés. "San Cibrao é, das tres, a que ten máis persoal, maior produción e valor estratéxico. E, cando unha empresa ten perdas, se non consegue remontar, as opcións que quedan son a venda ou o peche".

Antonio Fontenla anunciou que a CEG convocará eleccións no 2019, cando remate a reforma dos seus estatutos. O voceiro da patronal galega eludiu dar nomes, pero insistiu en que hai empresarios dispostos a presidir a organización."Supoño que darán o paso, de acordo co que establezan os estatutos. Entendo que a presidencia debe recaer nunha persoa nova que non estivese vencellada a ningún órgano de goberno". 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí