CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O comité de Alcoa: "A día de hoxe, o que urxe é retirar o ERE"

09/11/2018 - 08:06 h

O presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña insiste en que calquera medida para garantir o futuro da factoría pasa por que a empresa retire o ERE. No 'Galicia por diante', Juan Carlos Corbacho avaliou en positivo a reunión da tarde pasada co Goberno, a Xunta e o Concello, na que o Ministerio anunciou que porá en marcha a poxa eléctrica antes de que remate o ano, así como o pagamento das axudas por contaminación xa presupostadas.

Con todo, Corbacho advirte que o comité está en contra de que Alcaoa reciba ningún tipo de axuda mentres non retire o ERE.

"As axudas xa tiñan que estar executadas, haberá que poñelas enriba da mesa, pero despois de que se retire o expediente. Ao que nos negamos é a que a empresa reciba nada nesta situación, cun expediente enriba da mesa e sen ningún compromiso".

O Ministerio tamén anunciaba onte que estuda ampliar a vixencia da poxa para que sexa plurianual. Os traballadores insisten en que non lles gusta a fórmula: "A poxa é un sistema que nos parece perverso".

O presidente do comité da Coruña referiuse tamén aos datos de perdas económicas da planta de San Cibrao que Alcoa fixo públicas nas últimas horas. Na súa opinión, "San Cibrao ten que estar moi preocupada", porque as perdas son maiores que os 20 millóns dos que fala a empresa. Apunta que a factoría de aluminio primario tiña que estar por riba dos 60 millóns de euros en beneficios, polo que "hai que meter na conta o que está deixando de gañar e o que está perdendo". Aínda que relaciona estas perdas cun factor circunstancial como é o prezo da materia prima, Corbacho apunta que "o problema de San Cibrao é tan grande ou máis que o das plantas da Coruña e Avilés xuntas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí