CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alcoa, oferta oficial

09/11/2018 - 08:03 h

Parece evidente que entramos en horas decisivas. A xuntanza de onte, con representación de todas as administracións (estatal, autonómicas de Galicia e Asturias e locais da Coruña e Avilés) supón un impulso para que se atope algunha solución a Alcoa. De momento, quedo co resumo que fixo o presidente Núñez Feijóo: coincídese no diagnóstico e no tratamento do problema. Por parte das administracións non vai quedar, e a demostración é a disposición a compensar á industria electrointensiva polos altos custos da enerxía e outras medidas de axuda. Iso estase facendo noutros países europeos e non hai por que non facelo aquí, se diso depende a continuidade desas empresas e dos seus postos de traballo.

Pero falta algo. Falta que agora a multinacional acepte o que se lle pide, que levante ou suspenda o expediente de regulación de emprego e que se aveña a falar cos comités de empresa e coas administracións públicas. E aí non me atrevo a prognosticar nada. Alcoa sempre se referiu ao problema do custo enerxético, que lembremos que supón un 40 por cento do total. Pero tamén dixo que as plantas da Coruña e de Avilés estaban obsoletas na súa tecnoloxía e non resultaban competitivas. E iso, se segue sendo verdade, non llo pode resolver nin o erario público nin os contribuíntes. Se non investiron en tecnoloxía, se non fixeron nada por modernizarse, non o pode facer ninguén alleo á propiedade.

Así que agora non queda máis remedio que agardar a resposta da empresa, cunha decisión que non se tomará en Galicia, senón na sede central de Alcoa. É dicir, lonxe dos sentimentos, onde non se escoitan protestas como a de onte en Avilés, e onde se funciona con criterios de conta de resultados. E o que vimos ata agora é que Alcoa vai polo negocio máis fácil e rendible, que é a produción de alumina. O resumo é que se está facendo todo o que se pode facer. E, se se arranxa o prezo da enerxía eléctrica, polo menos desaparece un problema. Pero non quero nin podo crear ilusións.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí