CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O Foro Económico de Galicia pide que non se dramatice nin se caia no alarmismo coa situación económica

09/10/2019 - 08:20 h

O director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, pediu hoxe que non se dramatice nin se caia no alarmismo á hora de analizar a situación económica actual.

En declaracións ao Galicia por Diante, o catedrático de economía aplicada admitiu que o escenario se está complicando a nivel mundial, pero insistiu en que a situación española é moito mellor que hai dez anos. "Non hai a burbulla inmobiliaria que tiñamos daquela nin tampouco o problema financeiro de 2008, polo que sería raro que a economía vaia sufrir tanto coma na década pasada", aseverou. "Obviamente o escenario está complicándose, pero é descartable que, mesmo no peor dos escenarios que un poida imaxinar, volvamos repetir a desfeita da década pasada", dixo.

Santiago Lago salientou que os indicadores da economía galega son mellores ca os de autonomías como Euskadi ou Cataluña, con aumentos das exportacións importantes grazas a empresas como Inditex, Estrella Galicia, Jealsa ou Coren.

No inmediato, o director do Foro Económico de Galicia ve poucas solucións para o Brexit, pero si confía nun acordo cos Estados Unidos para evitar a ofensiva arancelaria de Donald Trump. "Nestes momentos o risco de que un Brexit duro se leve adiante é maior de que esa guerra comercial acabe mal. Comparativamente vexo peor, vexo máis complexa a solución do Brexit, si".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí