CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

CC.OO.: "Alcoa paga pola electricidade 70 millóns máis que as fábricas do resto de Europa"

09/10/2019 - 08:05 h

Os empregados de Alcoa volven hoxe ás mobilizacións. Teñen convocada unha concentración para as oito e media na praza do Concello de Cervo para reclamar uns prezos xustos para a electricidade.

"Aquí non se trata de recibir subvencións. Nós non temos que recibir subvencións. Nós o que temos que ter é un prezo da enerxía competitivo. Non podemos competir contra ninguén se temos un prezo tan alto. Nós por cada euro que sexa maior o megawatt que os prezos europeos, suponnos 3,5 millóns de euros ao final do ano. Imaxine se nós temos 10 euros máis: estaremos falando de 35 millóns. Pois agora mesmo estamos con 20 euros máis o megawatt ca calquera outro país europeo. Que empresa toma unha decisión de dicir: eu vou seguir este ano en España, pero xa sei que vou perder 70 millóns?".

José Antonio Zan tamén criticou a política enerxética do Goberno, pola decisión de pechar as centrais térmicas de carbón, que cualifica como estratéxicas, mentres ao mesmo tempo se está importando electricidade desde Marrocos, producida dunha forma moito máis contaminante.

"O que non podemos facer neste país é poñer o carro por diante dos bois. Se nós queremos dicir que imos baixar en Europa o CO2, o que non podemos facer é comprar enerxía a unha planta de Marrocos que produce máis CO2 que todas as de Europa xuntas. Ou o que non podemos facer é dicir que imos baixar o custo do megawatt e estarllo comprando a Arabia Saudita, que está producindo a base de queimar fuel e contaminar. Non podemos facer trampas ao solitario contra nós mesmos".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia