CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Salvar San Cibrao

09/10/2019 - 07:39 h

Se eu quixese provocar, diría: a suba das pensións pódese aprobar antes de fin de ano, aínda que o Goberno central estea en funcións. O decreto para regular o prezo da luz do sector electrointensivo ten que agardar a que haxa un goberno efectivo, que sabe Deus cando o haberá. Como isto non é provocar, senón que é a realidade que onte expuxo a ministra Reyes Maroto de Industria, dígoo. Mellor dito, repítoo: as pensións pódense subir aínda que se estea en funcións, as axudas para que a fábrica de San Cibrao teña garantido o futuro teñen que esperar a que haxa un goberno constituído. Supoño, pensando ben, que as pensións teñen un forte contido electoral: se hai nove millóns de pensionistas, son nove millóns de votos. Os votos de Alcoa de San Cibrao son setecentos na fábrica, máis catrocentos externos e as familias que tamén votan. Como moito, cinco mil sufraxios. Poden agardar. A solución da planta é urxente, segundo recoñece a ministra, pero non tan urxente como para que a acometa un goberno de funcións limitadas.

Esa é a primeira conclusión que se obtén da conversas de onte entre a ministra, o presidente da Xunta e os representantes dos traballadores. Agora imos ao fondo. Como é ben sabido, Alcoa, coma outras empresas de alto consumo eléctrico, depende do prezo da enerxía. No caso concreto de San Cibrao, o 40 por cento. Outros países europeos, competidores e veciños, teñen unha política industrial que supón que o custo da enerxía sexa moito máis barato ca en España. O empresariado español e, polo tanto, o galego atópase en grave desigualdade de condicións para competir. Ou se igualan esas condicións, ou o noso tecido empresarial corre perigo de desaparición. E digámolo claramente: xa non se trata de defender só a Alcoa. Trátase de salvar a industria do país que, segundo datos que hoxe se publican, o sector industrial só supón un 16 por cento do PIB. Un país sen industria é un país que malamente pode soportar esa desaceleración brutal que prevé o Fondo Monetario Internacional. E un país coma o galego que en poucos días ve ameazada a central das Pontes e a planta de San Cibrao ten dereito a protestar como está protestando a Xunta, os traballadores e toda a sociedade galega.

Conclusión, non hai máis ca unha: salvar San Cibrao, e salvalo como sexa. Iso do goberno en funcións soa a desculpa de atraso. Se se poden subir as pensións, tamén se pode salvar Alcoa. Non aguanta unha enerxía que en Fracia custa 39 euros e en España custa 60. Así de simple. Así de elemental.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí