CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nega que a Xunta teña responsabilidade no baleirado dos encoros

09/09/2021 - 08:20 h

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, responde ás críticas dos partidos da oposición, BNG e PSdeG, que esixen responsabilidades á Xunta polo baleirado dos encoros da Demarción Miño Sil realizados polas eléctricas Naturgy e Iberdrola. Tellado censura que se poña o foco na administración galega cando "as competencias son da Confederación Hidrográfico Miño Sil. Estamos ante unha actuación irresponsable. Quen tiña que velar para que iso non acontecera non actuou".

Nunha entrevista no Galicia por diante, Tellado afirmou que "hai unhas responsabilidades e a Xunta o que vai facer é depurar esas responsabilidades e sancionar, no seu caso, á confederación e ás elétricas. Desde o noso punto de vista é un baleirado irresponsable e que pode ter un dano ecolóxico irreversible. Quen tiña que actuar non o fixo. Sabiamos que nesas datas o titular da Confederación Miño Sil en vez de atender ás sús responsabilidades estaba no medio dunha gran liorta no PSdG-PSOE tratando de purgar ós críticos de Gonzalo Caballero. Quizáis estaba despistado e non atendeu á súa responsabilidade, que era velar polo bo funcionamento deses encoros que foron baleirados por intereses especulativos das eléctricas".

Antes as críticas do BNG que responsabilizan a Xunta por non atender os correos electrónicos que advertían do baleirado, Tellado responde que "tratan de buscar cortinas de fume para non falar do verdadeiramente importante. Se se mandou ou non un correo electrónico a un departamento da Xunta.... a responsabilidade é da Confederación e do Goberno de España e non actuaron".

Tellado evitou confirmar se o grupo parlamentario popular de Galicia apoiará a creación dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia, que demandará o BNG, e critica a voceira nacionalista, Ana Pontón, da que di "é máis sectaria que nacionalista".

O secretario xeral dos populares valoraba tamén a suba do prezo da luz. Esixe Tellado que o Goberno central " actúe de forma decidida e tome medidas". Asegura que a suba da electricidade é "consecuencia dunha política enerxética errática de Pedro Sánchez" e  propón que os 3.000 millóns de euros que, segundo di, recadará de máis o Estado en concepto de impostos pola suba da luz se destinen a rebaixar a factura.

Tellado reclama ao Goberno central e ao Banco de España que actúen ante o peche de oficinas bancarias no rural e salienta que "a España baleirada se defende con medidas concretas coma un plan nacional que obrigue as entidades financeiras a quedar no territorio e atender os seus clientes de xeito presencial".

Cuestionado sobre Ence, Tellado di que "Galicia non se pode permitir o peche". O secretario xeral dos populares galegos insta o Goberno central a responder ao pacto de Estado por Ferrol que enviou a Xunta no mes de maio e que incorpora ata un cento de medidas para a comarca de Ferroltera. O político ferrolán reclamou ao executivo que reconsidere a súa negativa a construír un buque para a Armada nos estaleiros da ría de Ferrol que garanta carga de traballo mentres non se inicia a construción das fragatas F-110.

Aínda en clave interna, Tellado marca coma prioridade gañar con "contundencia" nas eleccións municipais e ve posibilidades de cambio e de lograr as alcaldías de Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia