Galicia por Diante
Luis Varela: "Recuperar a actividade plena en Endesa-As Pontes depende dunha transición enerxética xusta"
O presidente do comité de empresa de Endesa-As Pontes, Luis Varela, sinala que "as perspectivas que temos son un pouquiño de espera e de ansiedade para ver que sae de todo isto e como nos deixan camiñar nesta transición, que eu diría que é inxusta e non xusta".
Debido a que agora Endesa-As Pontes non funciona a pleno rendemento, explica que "dentro da planta nós estamos probando todo tipo de combustibles para axudar un pouquiño a economía circular e as necesidades que temos tamén de territorio, e agora mesmo estanse probando lodos de depuradoras e de todo tipo de residuos".
Sobre cando Endesa-As Pontes vai recuperar a actividade a pleno rendemento, Luis Varela di que "iso depende desa transición xusta, xa que agora o único que fixeron foi cambiarlle o escenario a este grupo empresarial que estaba facendo estes investimentos e que, de súpeto, nos cambian e déixannos fóra de rede, motivado fundamentalmente polos custos da ecotaxa que meteron ao CO2 e o imposto que ten o carbón como tecnoloxía, que é o céntimo verde, que é un imposto nacional, cando o CO2 é unha especulación e xa está en mans doutros actores, pero o que é o céntimo verde si que depende unicamente do Goberno español". Destaca, ademais, que "a central é xeradora de moitos postos de traballo, arredor de 800 entre directos e indirectos".
Sobre o risco de peche definitivo da planta, o presidente do comité de empresa de Endesa-As Pontes di que "eu coido que non, porque esta térmica nosa, coma a de Almería, ten unha capacidade de produción moi grande; nós 1.400 megawatts. Eu espero que ningún goberno deixe como protección enerxética unha tecnoloxía soa como poida ser o gas". "Estráñame moito que un Goberno con sentido común deixe só esta tecnoloxía enriba estando en mans de quen está este combustible, e o carbón é un elemento moi estable, e eu espero que deixen estes centros como protección ao sistema".
Sobre a reunión de mañá no Ministerio de Industria, sinala que "a ver o que pasa. Parece que ninguén sabe o que vai pasar. Por iso eu tampouco che podo dicir agora mesmo que sairá desa reunión". Luis Varela cre que "para traballar neste tema ten que haber un Goberno estable e ter que poñerse, sentar e atender estas circunstancias eléctricas porque hai que asegurar esta transición enerxética". Considera que unha repetición electoral en novembro "complicaríanos máis porque nos prolonga máis o tempo, porque, canto máis tardemos en ter un Goberno, loxicamente máis estaremos con estes vaivéns no sistema eléctrico, e a falta dunha política enerxética e eléctrica inflúe na tecnoloxía que temos nós, que é a do carbón".