CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Dr. Sueiro: "Estamos asistindo a un cambio de tendencia claro. O nivel de contaxiosidade do virus é espectacular"

09/07/2021 - 08:16 h

Desde a Asociación Galega de Medicina Familiar constatan un cambio de tendencia no comportamento do virus nesta última onda.

Manifestou esta mañá na Radio Galega o seu voceiro, o Dr. Xesús Sueiro, que nas últimas semanas pasouse de atender casos illados nos ambulatorios, a asistir tres ou catro cada día. Alerta este doutor do nivel de contaxiosidade "espectacular" do virus, xa que se antes se podía controlar un caso nunha mesma familia, agora "cando entra nunha casa afecta a toda a familia".

Todo depende da situación das áreas sanitarias, pero incide Sueiro en que o aumento da demanda nas zonas máis turísticas e a ausencia de persoal de plantilla nesta época de verán, pode provocar o colapso dos ambulatorios se a incidencia vai a máis.

En canto o perfil das persoas contaxiadas que acode á atención primaria, está aumentando a incidencia na idade pediátrica e na xente máis nova. Os síntomas son similares ós das ondas anteriores, pero, dado o perfil, previsiblemente se trate dunha onda con consecuencias máis leves.

Sueiro valorou a precisión coa que se están a levar a cabo os cribados poboacionais, se ben fixo un novo chamamento, sobre todo á mocidade, para que participe neles, porque, puntualiza, "facer un cribado cunha mostra o cincuenta por cento non ten ningún valor".

A responsabilidade da cidadanía é a única maneira de frear a incidencia do virus

Aproveitou para chamar á responsabilidade da cidadanía a seguir cumprindo as normas sanitarias porque a pandemia segue ahí, aínda que haxa certas concesións, e a poñerse en contacto co médico á menor sospeita de síntomas relacionados coa enfermidade, "a única maneira de frear a incidencia do virus", dixo.

Amósase partidario de aumentar a intensidade da campaña de vacinación porque, engade, "as vacinas están funcionando dun xeito extraordinario".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia