CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Pedro Armas: "Recomendámoslles que as celebracións da ABAU sexan coidadosas"

09/06/2021 - 08:17 h

O presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), Pedro Armas, apuntaba hoxe no 'Galicia por diante' que as probas da ABAU están transcorrendo sen incidiencias, baixo estritas medidas sanitarias. A maiores da ventilación, a distancia de seguridade e o uso de máscaras, Armas sinala que "temos moito persoal que está tamén pendente de que non queden polos corredores falando, que non formen grupos. Tamén lles facemos recomendacións para cando remate a proba: por moi ben que lles saia, que as celebracións sexan coidadosas".

O presidente da CIUG cre que a proba de que non hai incidiencias é que os comentarios dos estudantes son todos sobre o contido dos exames, non sobre a loxística. Armas apunta que algunhas das medidas de prevención que se estableceron van servir tamén cando remate a pandemia. Por exemplo, o acceso gradual dos estudantes ou as aulas burbulla, que agrupan os alumnos segundo o centro de procedencia.

Pedro Armas lembra tamén que calquera alumno contaxiado de covid ou que se vise afectado por unha corentena vai poder facer a ABAU na convocatoria de xullo sen perder as condicións desta primeira convocatoria.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia