CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fernando Otero: "Non se pode modificar a Lei de costas sen contar co sector"

09/04/2021 - 08:22 h

O secretario xeral da Confederación Mar Industria, Fernando Otero, fai unha valoración "moi negativa" da tramitación da Lei do cambio climático, aprobada onte en Comisión no Congreso, que modifica os tempos de concesión das empresas instaladas na costa. A nova norma suprime a prórroga extraordinaria, de xeito que haberá un límite de 75 anos de concesión que contarán desde a primeira adxudicación do permiso.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Otero dixo que a norma "vai modificar dun xeito substancial as expectativas de permanencia das empresas" e que introducirá "menor seguridade xurídica e menor estabilidade sectorial".

Sobre o número de empresas galegas que se van ver afectadas polos cambios en próximas datas, Otero sinala que non as teñen contabilizadas, pero advirte que todas se verán afectadas antes ou despois: "Isto é como a idade de xubilación", dixo.

Sobre o posible recurso da norma ante o Constitucional que estuda a Xunta de Galicia, Otero cre que pode ter percorrido porque "a Constitución di que non se pode aplicar unha norma restritiva dos dereitos individuais de xeito retroactivo".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia