CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra: "Se se pode pasar entre Tui e Valença, pedimos o mesmo para o resto das pontes"

09/03/2021 - 09:04 h

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, explicou no 'Galicia por diante' os graves prexuízos que lles está provocando o peche parcial da ponte sobre o río Miño. Aínda que a fronteira con Portugal se abre unhas horas ao día, para evitar que aumenten os casos de coronavirus, boa parte da xornada segue pechada.

A alcaldesa explicou que hai moitas persoas que teñen que facer rodeos de máis de cen quilómetros para, por exemplo, acudir ao seu posto de traballo, e que hai moitos veciños aos que non lles compensa economicamente. Noutros casos, aínda que seguen traballando, perden ata dúas horas en cada desprazamento.

Valcárcel indicou que ademais que non teñen comuncación ningunha nin desde o Goberno español nin desde o portugués e que só saben de novidades ou cambios cando se publican no 'Boletín Oficial do Estado'.

"Somos moi coherentes. Somos conscientes de que a situación sanitaria require tomar medidas drásticas. Pero dentro desas medidas de prevención que se están tomando, pedimos igualdade de trato en toda a fronteira. O que está pasando na fronteira entre España e Portugal non está pasando en ningunha outra fronteira da comunidade europea".

"Está claro que temos que tomar medidas restritivas, pero con esas medidas pedimos o mesmo trato para as nosas pontes. Igual que se pode pasar entre Tui e Valença, cunhas medidas para a xente que necesita pasar, sexan traballadores ou traballadoras fronteirizas, transportistas ou aquelas causas que estean xustificadas, pedimos o mesmo trato para o resto das pontes".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia