CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Paco Bello, presidente de Asaga: "Non pode ser que os gandeiros esteamos dando de comer ao lobo"

09/02/2021 - 08:19 h

O presidente da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), Paco Bello, trasladou esta mañá na Radio Galega a postura do seu colectivo ante a polémica do Goberno de incluír o lobo no rexistro de especies protexidas.

Puntualizou que, á marxe das posturas enfrontadas dos ministerios, quen ten última palabra é o Estado, ao que lle pedirán responsabilidades se continúa, dixo "esta barbaridade".

Sobre a situación da especie na actualizade, apuntou Bello que segundo informes dos expertos, no norte do país, o lobo está na mellor situación en trinta anos, que só en Galicia hai unhas noventa mandas circulando e que é moi difícil de cazar.

Salienta Bello: "Non estamos dicindo que haxa que matalos, pedimos que se nos pague o noso traballo, que se garantan os nosos bens", porque o dano psicolóxico ao chegar a unha explotación e ver o gando morto provoca inseguridade no gandeiro e abandono do rural, aclara.

Insiste o presidente de Asaga en que as cazas son sempre controladas e soamente se dan en zonas moi localizadas e con danos moi concretos. Sinala: "Teñen que decidir que queren que prevaleza, se a especie non se controla cada vez ocasionará máis danos. Ten que haber lugar para todos. O que non pode ser é que os gandeiros esteamos dando de comer ao lobo"

Sobre as indemnizacións Bello remarcou que son necesarias axudas de todo tipo. Compre dotar as autonomías dos recursos necesarios para afrontar esta xestión así como medidas económicas e sociais que garantan a vida dos gandeiros. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia