CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Hipotecas e populismo

08/11/2018 - 08:04 h

“Miña, miña”, din os futbolistas cando queren a pelota. “Miña, miña”, dixo o presidente do Goberno cando viu como deixaba a pelota o Tribunal Supremo fronte ao cabreo popular. E o mesmo dixo Pablo Iglesias, cando levou a bóla ao seu terreo e convocou as masas para que se devolva o diñeiro ás familias. E o mesmo dixo Albert Rivera, que propuxo unha proposición de lei, máis de acordo coa legalidade. E, posto a xogar, tamén Pablo Casado tivo a súa xogada propoñendo que desapareza o imposto das hipotecas, como dicindo: morto o can, acabou a rabia. Non sei se lle gustará moito a Feijóo, que perdería uns ingresos autonómicos que boa falta fan. De todas as propostas precipitadas, gañou por rapidez a de Sánchez, que por iso ten a tixola polo mango e o mando tamén.

E onte, emerxeu sobre a xente cabreada, erixiuse en xuíz que está por riba do Supremo, deulle unha patada ao Estado de Dereito, e impuxo a súa norma. Que quere a xente? Non pagar? Pois que paguen os bancos, que para iso teñen os cartos e fan negocios coas hipotecas. Velaquí un Goberno que vela polos pobres e lles saca os cartos aos podentes, como se fora o noso e novo Robin Hood.

Socialismo? Non me atrevo a dicir tanto. Se fose socialismo, Felipe González non crearía ese imposto con cargo aos contribuíntes. Se fose socialismo, Zapatero corrixiríao, sendo como foi o campión das políticas sociais, segundo din os que cantan as súas glorias. O que pasou foi unha mesturanza de populismo, en dura competencia que veremos con Podemos, e dese oportunismo que consiste en aproveitar as oportunidades e quedar como o redentor dos débiles e gobernante de rápidos reflexos. Se beneficia á xente, ben está, aínda que dubido de que unha decisión do Supremo se poida cambiar por decreto ou de que por decreto se poida decidir un imposto.

Vítima de todo isto? O Tribunal Supremo, que o deixan ou se deixa a si mesmo aos pés dos cabalos. E coido que Sánchez, ao lanzar dúbidas sobre o Alto Tribunal, rematouno. Son bos días para o populismo, bastante bos para o Goberno e regulares días para o Estado de Dereito.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí