CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ánxeles Vázquez: "O obxectivo é que o 100% dos concellos que teñen mar conten co seu propio plan de continxencia"

08/08/2019 - 08:20 h

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, suliñaba no Galicia por diante a obriga daqueles concellos con mar de ter un protocolo anticontaminación ante posibles desastres nas súas costas. Pese a estar recollido na lei, aínda hai moitos que non contan con el.

"Cada concello ha de ter o seu propio plan. Polo tanto, cando se fai un chamamento é que aínda non todos o están a facer. E é un obxectivo que agardamos ó longo deste ano e do vindeiro: que o 100% dos concellos que teñen mar, que teñen costa, teñan o seu propio plan".

A conselleira tamén remarcaba que a candidatura da Xunta de Galicia para que a Unesco recoñeza o Parque nacional das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade é a única perfilada. Criticaba  a postura do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que apoia a candidatura do arquipélago de Cíes en solitario.

"Hai unha candidatura, e a única candidatura, a única que está perfilada. Sábeo perfectamente o alcalde que é un sen sentido. E máis vale a veces dar marcha atrás, polo ben de todos os galegos e galegas, que intentar seguir adiante cunha mensaxe que é unicamente política pero que non ten detrás eido científico. Porque o parque nacional consta de catro illas e son as catro as que teñen que ir xuntas a esa candidatura".

O Parque Nacional das Illas Atlánticas conta dende hai pouco cun novo plan de continxencias que pretende reducir os riscos ante a posibilidade de contaminación mariña accidental e que tamén pretende axudar á candidatura da Xunta.

Un documento único en España e Europa para unha zona con este nivel de protección medioambiental ante os perigos que sinalaba Vázquez: "Hai moito tránsito tanto de buques coma de barcos. Hai unha verdadeira autoestrada nas nosas costas nunha zona de gran protección. E por outro lado nos atopamos nunha zona onde o humano está moi asentado e hai grandes empresas. E nunca estamos libres dun accidente e hai que telo coordinado, de maneira que poidamos actuar nun tempo récord".

O protocolo é froito da colaboración das Consellerías de Medio Ambiente e do Mar, o Intecmar, a Universidade de Vigo e o Cetmar e conta cunha análise de riscos específica de todos os arquipélagos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí