CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os hostaleiros din que a Xunta estudará abrir as barras dos bares dentro de 15 días

08/06/2021 - 08:04 h

O presidente da Asociación de Hostaleiros da Coruña, Héctor Cañete, participou na reunión que o sector mantivo co vicepresidente Alfonso Rueda a pasada tarde. Unha xuntanza en que os hostaleiros expuxeron o rexeitamento ás restricións impostas na Comisión Interterritorial de Saúde e que o Ministerio decidiu revisar. "Son totalmente extemporáneas. Parécennos unha cortina de fume para tapar problemas como a suba da luz ou os indultos". Sobre a anunciada revisión das normas, Cañete responde que "o que ten que facer o Goberno central é mandar os fondos europeos e deixar a hostalaría en paz".

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Cañete resumiu as demandas que lle presentaron onte ao Goberno galego. Entre elas, a apertura das barras, que podería aprobarse en 15 días: "O uso das barras para o café rápido pode supoñer o 70 por cento da facturación". Tamén reclamaron a simplificación das normas sobre o funcionamento dos locais: "Levamos desde marzo do ano pasado sacando normas: hai que limpar as mesas, no baño só pode haber unha persoa, non pode haber panos de mesa... Ao final é normativa que vai quedando obsoleta, os QR que se implantaron e quedaron no esquecemento...".

Cañete tamén se solidarizou coa situación do ocio nocturno e pediu que se vaia normalizando para recuperar o sector e para que rematen os botellóns.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia