CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Barça-Celta, o partido da xornada no 'Galicia en goles'

07/11/2019 - 11:16 h

O fútbol sala e o baloncesto centran a primeira edición da fin de semana de Galicia en goles, que chega como cada venres ás oito e media do serán. Paco Santos conduce as retransmisións dos partidos Barcelona-Burela, Melilla-Marín e Canoe-Basket Coruña.

O sábado, desde as tres da tarde, Xoán Galán dirixe ata as once e media oito horas e media de paixón deportiva, con atención especial ao Barcelona-Celta desde o Camp Nou coa narración de Roberto Carlos Carballo. Na Segunda División, Andrés Vieites estará no Carlos Belmonte para contar o Albacete-Lugo. Ademais, o programa atenderá os catro encontros adiantados da Terceira, xunto ás competicións de fútbol sala e baloncesto.

Xa o domingo, a edición matinal adianta o seu comezo ás doce menos cuarto para vivir o Deportivo-Elx, desde Riazor, na Segunda División. A Segunda B tamén terá a súa cota de protagonismo co Melilla-Coruxo e o Las Rozas-Pontevedra, xunto ao baloncesto co Obradoiro-Baskonia, na ACB, e o Breogán-Guipuzkoa, na LEB Ouro.

A partir das tres da tarde, a sesión de tarde dedicará un seguimento especial ao derbi da Segunda B entre o Celta B e o Racing de Ferrol, na Segunda B, ademais de contar o que suceda nos cinco encontros de Terceira que completan a xornada.

Ademais, os oíntes da Radio Galega teñen durante a fin de semana outras opcións deportivas. O sábado, á unha da tarde, Alfonso Pardo presenta no Convivir deportivo un xogo tradicional que permanece co paso dos anos, a billarda. E ás once e media da noite, Toni López convida no Galicia en Toquio a deportista de skate Julia Benedetti.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega poden seguirse por FM, TDT, radiogalega.gal e Radioplayer España.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí