CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Pérez: "Non amparamos a forma de actuar do Supremo"

07/11/2018 - 08:06 h

O vogal da Asociación Xudicial Francisco de Vitoria, José Pérez, asegurou hoxe no 'Galicia por diante' da Radio Galega que "as cousas non se fixeron como se debería na Sala Terceira do Tribunal Supremo. O presidente Díez-Picazo adoptou unha serie de resolucións de forma inadecuada e non lle custaría ningún traballo abocar a sentenza a pleno antes de ditala. Especialmente cando el sabía que (a das hipotecas) era unha cuestión complicada e complexa".

José Pérez afirmou que "somos conscientes do prexuízo e non amparamos esa forma de actuar". Engadiu que "sería iluso pensar que non quedou danada a imaxe con esa forma de actuar do Tribunal Supremo". Insistiu en trasladar, non obstante, unha mensaxe de confianza. "Non me gustaría que se estendese ao resto dos 5.000 maxistrados e maxistradas e xuíces e xuízas que estamos desempeñando o noso labor día a día".

Ao preguntarlle sobre se o contencioso pode acabar en Bruxelas, José Pérez preferiu non pronunciarse: "Non son capaz de dicir se vai acabar na xustiza europea".

O vogal da Asociación Francisco de Vitoria confirmou que non acudirán esta mañá á reunión convocada no Ministerio de Xustiza para tentar frear a folga de xuíces e fiscais fixada para o próximo día 19. José Pérez considera que esas xuntanzas son unha perda de tempo "sen propostas concretas nin orde do día". Considera que non se fixo nada cando estaba no ministerio Rafael Catalá e a situación coa nova ministra "non cambiou en nada".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí