CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Roberto García de Unións Agrarias: "Só pedimos que se cumpra a lei nos prezos do leite"

07/07/2021 - 08:21 h

Unións Agrarias pide que as fábricas lles suban o prezo do leite ós gandeiros para compensalos polo encarecemento da luz, das materias primas e da man de obra. O sindicato reclama que a Xunta e o Goberno central fagan que as fábricas cumpran a lei, que obriga a pagarlles o leite ós labregos, como mínimo, ó prezo que lles custa a estes producilo. Por iso, reclaman unha modificación automática dos contratos que teñen asinados os gandeiros e as fábricas.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, falaba no Galicia por diante:

"Só pedimos que se cumpra a lei nos prezos do leite. Se a lei impide que unha industria lle poida pagar a un gandeiro por debaixo do que a este lle custa producir un litro de leite, o lóxico é que o goberno central e o propio goberno galego fagan que se cumpra a lei que eles mesmos aprobaron. Se producir un litro de leite está ó redor dos 35'6 céntimos e hai un incremento de custos nos últimos tres meses que se vai manter no futuro, parece lóxico que esixamos que nese cumprimento da lei se modifiquen os contratos que neste momento están en vigor cunha duración dun ano, que non están tendo en conta esta circunstancia".
"Esta combinación de factores coloca as explotacións galegas nunha dinámica de dificultades que está levando a que moitas delas están pechando cada ano. Estamos nunha situación de gravidade pero o que é máis importante é que hai poucos meses entrou en vigor unha lei que obriga a que ninguén poida pagarlle a outra parte da cadea por debaixo do que custa producir. E o prezo dun litro ó consumidor da marca branca practicamente está estancada nos 56 céntimos desde hai dez anos. Polo tanto, temos un problema: os gandeiros co prezo que nos paga a industria, e ten a industria un problema co prezo ó que lle vende á marca de distribución".
"Ou se modifica de xeito inmediato e se cumpre a lei, ou teremos que tomar outro tipo de actitude tanto xurídica como de presión ás industrias e ás distribuidoras".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia