CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

J. A. Forcada: "Para ter inmunizado o 70% da poboación en verán hai que vacinar 200.000 persoas/día os sete días"

07/04/2021 - 08:17 h

O presidente da Asociación Nacional de Enfermería e Vacunas, José Antonio Forcada, manifestou no 'Galicia por diante' a necesidade de contratar máis persoal para acadar os trinta e tres millóns de vacinacións a finais de agosto.

"A visión de Pedro Sánchez é optimista. Depende de que cheguen as remesas de vacinas anunciadas e ,sobre todo, dos recursos humanos. A administración de millóns de doses esixe un traballo moi intenso por parte do persoal de enfermería" "E debemos ter presente que, con vistas ao verán, todos temos dereito a un descanso, moi merecido por esas persoas que traballan por riba do 100% das súas posibilidades".

Forcada propón recorrer á bolsa de traballo de persoal de enfermería xubilado para manter o ritmo de vacinacións. "Practicamente todos os Colexios de Enfermería de España teñen bolsas de traballo de profesionais xubilados. Habería que contratalos nos meses de verán e impedir que as comunidades autónomas pechen centros de saúde. A conxunción de todos eses factores permitiría ter vacinada ao setenta por cento da poboación a finais de agosto, pero no poder fallar nada".

O presidente da Asociación Nacional de Enfermería aconsella manter o calendario de vacinacións á espera de que a Axencia Europea do Medicamento se pronuncie hoxe sobre os posibles efectos da de AstraZeneca. "A miña primeira mensaxe é de tranquilidade absoluta. Os casos de trombos foron moi poucos en relación cos millóns de doses administradas. É certo que un experto apuntou posibles vínculos entre a vacina e a aparición deses cadros, pero tampouco puido demostrarse".

"Hai que manter as vacinacións nos parámetros normais, como vén facéndose ata agora. Non debemos esquecer que os beneficios da vacina AstraZeneca superan inmensamente os posibles riscos. As vacinacións están salvando a vida de millóns de persoas".

José Antonio Forcada matizou que, a partir do informe da EMA, cada país tomará as súas propias decisións e adaptará as súas estratexias como considere. "Pode ocorrer dende que se manteña a vacinación con normalidade ata que se limite a vacina a persoas máis maiores, ou establecer posibles grupos de risco. Non sabemos, son decisións que se toman a nivel de estado. Hai que agardar a coñecer as conclusións de cada unha das partes".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia