CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

J. A. Zan: "Tanto nos ten estar na SEPI unha hora que dous anos: a cuestión é que o comprador non sexa un fondo voitre"

07/04/2021 - 08:25 h

O presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, avanzou que o comité se vai reunir nas próximas horas para analizar polo miúdo o contido da reunión que mantiveron onte co Goberno, a Xunta e a dirección de Alcoa. O Goberno deixou enriba da mesa posibles problemas para que o grupo Liberty poida mercar a factoría mariñá.

"O Goberno a nós pediunos un prazo. Demos ese prazo e o que ten que facer o Goberno é mover esa negociación. E a Xunta de Galicia, acompañando. Está claro que son eles os que están tutelando todo este proceso. E son eles os que teñen que desbloquear esta negociación. E Alcoa ten que ser máis razoable á hora de pedir".

Zan explicou que agora Alcoa pide inmunidade á hora de recibir, no futuro, posibles denuncias ambientais ou laborais cando, segundo Zan, "a SEPI debía ter feito esa due diligence".

"A nós tanto nos ten estar na SEPI unha hora que dous meses ou dos anos. A cuestión é que se garanta que cada euro que saia da operación se invista na fábrica e que o comprador non sexa un fondo voitre ou unha empresa que nos vaia levar á quebra, como pasou na Coruña e en Avilés".

O presidente do comité tamén desbotou os rumores de que o principal aspirante a mercar a planta de San Cibrao, o grupo Liberty, atravesa problemas económicos. Dixo que os problemas son do banco que financiaba os gastos a curto prazo do sector do aceiro do grupo.

"As noticias máis ben non son de Liberty, senón do banco que lles daba financiamento para o curto prazo, para os movementos diarios económicos da compañía. O que está claro é que afecta máis unhas empresas que a outras. Por exemplo, a parte do aluminio, que está radicado case na súa totalidade en Francia e en Bélxica, onde ten unha gran fábrica, non se ve afectada porque non se fixeron operacións con este banco".

"A parte que se vería máis comprometida sería a parte do aceiro, e sobre todo, o aceiro no Reino Unido. En Australia, o Goberno e os bancos australianos xa lle deron financiamento a Liberty. En Italia tamén. En Bélxica parece ser que están traballando na mesma dirección. E en Francia, o Goberno tamén lles deu un crédito de 20 millóns de euros, o que quere dicir que todos os países europeos están apostando por manter a industria como motor básico para saír da COVID".

"Hai unhas comunidades que soportan mellor toda esta crise ca outras. E é grazas a que o tecido industrial fai de soporte. As comunidades que dependen do turismo teñen un desemprego inmenso".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia