CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ethel Vázquez: "É obrigado que Fomento chegue a acordos con Audasa para non seguir agravando o desequilibrio na política de peaxes en España"

06/09/2019 - 08:22 h

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, pídelle ao Ministerio de Fomento que tome nota das bonificacións nocturnas dun 50 por cento anunciadas pola Xunta para as peaxes das autoestradas AG-55 e AG-57 e opte por un modelo semellante na AP-9.

A partir do vindeiro 1 de outubro, os vehículos lixeiros e peaxes que conten co sistema de telepeaxe poderán beneficiarse de descontos, se transitan entre as doce da noite e as seis da madrugada. O obxectivo, segundo Ethel Vázquez, é "favorecer a competitividade e atraer vehículos".

Vázquez lembra que o Goberno central suprimiu peaxes en Tarragona, Sevilla ou Cádiz e pídelle "sensibilidade e implicación" para non afondar no desequilibrio territorial que padece Galicia. A conselleira sinala: "Nós, como titulares das autoestradas AG-55 e AG-57, conseguimos chegar a acordos cos nosos concesionarios. Para iso están os gobernos: para decidir, xestionar e funcionar. É lexítimo que Audasa solicite certas cuestións, pero creo que é obrigado que a Administración pública, titular da estrada, chegue a acordos e puntos de consenso para non seguir agravando o desequilibrio que estamos vendo na política de peaxes en España e que prexudica a Galicia".

Ethel Vázquez volveu reclamar a supresión da peaxe de Redondela, que ó seu xuízo "está lastrando a competitividade" na zona sur de Vigo. "Eu vexo que está na neveira porque o ten en frío o Ministerio de Fomento. Non ten iniciativa. Había un compromiso do Goberno anterior de Rajoy con estudos e análises feitas e vimos que o paralizou totalmente o Goberno actual".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí