Galicia por Diante
PSOE-Podemos, sen avances
Vexo nos medios informativos un certo derrotismo en canto ás posibilidades de acordo. A xuntanza de case cinco horas acabou sen avances que se poidan contar. Ao terminar, as posicións estaban tanto ou máis distantes que antes de empezar. Ione Belarra, portavoz de Unidas Podemos, deixou caer que se van preocupadas, así en feminino, que é como falan as mulleres dese partido. Entenden que o Partido Socialista acudiu á cita a presentar o seu programa electoral sen máis. Así que a conclusión informativa primeira é que se está máis cerca de romper que de firmar.
Ante iso eu digo aos meus colegas: que agardabades? Que aquilo fose chegar e encher, poñerse a falar e darse unha aperta? Iso non pasa en ningunha negociación, sexa económica, laboral, política ou internacional. Sempre se empeza polos máximos, pola dureza, ou polas ameazas de romper. É o que está nos libros de autoaxuda dos negociadores. Despois todos van cedendo algo ata chegar a un punto de conexión. Non digo que sexa o que vai pasar. Digo que é o que adoita pasar. Os negociadores parece que se deron dez días para falar, ata o 17 ou o 18 de setembro, e, mentres se fala, cabe a posibilidade de entendemento.
Agora ben, non é doado. Tal como se puxeron as cousas, aquí ten que haber un vencedor e un vencido, e ninguén quere ser o perdedor. Nin o PSOE pode renunciar a gobernar en solitario despois de prometelo tanto nin Podemos pode renunciar a entrar no Goberno despois de que xa renunciou Pablo Iglesias. O señor Iglesias puxo a palabra humillación no debate, e a humillación é a principal inimiga de calquera acordo.
E despois, nos últimos días, asomaron outras palabras que tampouco anuncian nada bo. Desconfianza, por exemplo. Dous equipos que desconfían un do outro malamente poden traballar xuntos: levan un pecado orixinal de medo á traizón. E Sánchez, ao mesmo tempo que aparenta ganas de evitar as eleccións, eleva o listón ao pedir un acordo de catro anos e non só de investidura. Moito pedir a quen, á inversa, ten moitas ganas de mandar ou de ser oposición, sen medias tintas.
É dicir, benquerido Valiñas, que segue sen haber nada claro. Pode pasar de todo, como corresponde ao comezo dunha negociación. E penso que vai sendo hora de poñer sobre a mesa a gran pregunta que aínda non se fixo: de verdade lle interesa ese pacto a este país? Eu teño moitas dúbidas. E moi serias.