CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Lorenzo Armenteros del Olmo: "Agardo que a repunta non sexa nin tan rápida nin tan elevada como a terceira onda"

06/04/2021 - 08:17 h

O doutor Lorenzo Armenteros del Olmo, portavoz da Sociedade Española de Medicina Xeral, espera que a posible repunta da pandemia despois de Semana Santa non sexa tan rápida nin tan elevada como a terceira onda, pero sinala que é preciso esperar polo menos dez días para coñecer a evolución da pandemia.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Lorenzo Armenteros asegura que as reunións familiares que se produciron nos días festivos crean unha grande incerteza, aínda que moitas delas  foron ao aire libre, o que diminúe o risco de contaxios. 

Para o doutor Armenteros, o máis preocupante é o aumento de ocupación nas Unidades de Coidados Intensivos. Este incremento pode ser un indicador de que "a variante británica que agora circula por todo o país poida ter un maior índice de contaxiosidade e de risco nunha parte importante da poboación". Por esta razón, móstrase a favor de aumentar a 14 días o período de illamento antes de dar a alta a pacientes con coronavirus para limitar a posibilidade de novos contaxios. Cre que é precipitado dar altas, como neste momento, con só 10 días de illamento.

Para o portavoz da SEMG, a chegada de máis vacinas é unha boa noticia, pero as previsións están aínda lonxe do obxectivo das 400.000 doses diarias necesarias para logar a meta do 70% da poboación vacinada antes do verán. Critica que non haxa unha estratexia común de vacinación en todo o Estado e que nalgunhas comunidades autónomas non se vacinase na fin de semana nin en días festivos. Considera que en Galicia hai unha planificación axeitada do proceso de vacinación en función das doses recibidas, "pero non temos claro de onde vair saír o persoal que se encargue das vacinacións masivas. Se hai que facelo, debe ser con persoal específico, que non se quite dun servizo para levalo a outro".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia