CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

África González: "Estamos agardando unha voz uniforme da Axencia Europea do Medicamento sobre a vacina de Astrazeneca"

05/04/2021 - 08:19 h

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, reclama un novo pronunciamento da Axencia Europea do Medicamento sobre a vacina de Astrazeneca e máis datos sobre os novos casos de trombose detectados en persoas ás que se lles administrou este remedio.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', González considera que "houbo problemas con esta vacina e agora estes eventos trombóticos que parece que son raros, pero hai que analizar e ver os casos para saber o que está pasando". A catedrática de Inmunoloxía considera negativas as diferenzas por países no uso da vacina e asegura que "estamos agardando unha voz uniforme da Axencia Europea do Medicamento que se vai a reunir do 6 ó 9 de abril para ver os casos, o que xa se describiu e agardo que sexa unha decisión única. Non pode ser que uns países vacinen con Astrazeneca a partir dos 65 anos e outros aos 60. Todos os datos deben ser unificados, ten que haber unha voz común entre todos os países".

González descarta unha onda do virus tras a Semana Santa como a que se rexistrou despois do Nadal polo efecto da vacinación. "Creo que vai haber un equilibrio con menos hospitalizacións e menos falecementos. Pode haber un incremento dos casos positivos pola mobilidade e os contactos durante os días de Semana Santa, pero creo que isto non vai supoñer unha presión hospitalaria moi alta vendo que a xente maior está xa vacinada. O número de casos graves vai ser menor" apuntaba.

Cuestionada sobre a nova lei que obriga a usar máscara en todos os espazos abertos, González cre que "non ten sentido que sexa obrigatoria en espazos abertos cando hai pouca xente. Entendo por unha parte os lexisladores, no sentido de que se á xente se lle deixa de forma laxa, vaise ao extremo". Aínda así defende o uso da máscara porque, lembra, o virus pode permanecer no ambiente e engade que "mentres non teñamos gran parte da xente vacinada, a máscara ten un importante efecto protector".

A catedrática de Inmunoloxía insta as autoridades sanitarias a incrementar e intensificar o ritmo de vacinación para "ir incorporando unha certa normalidade" e lembra a situación en Xibraltar onde a vacinación permitiu flexibilizar o uso da máscara"

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia