CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Yolanda e compañía

06/03/2020 - 07:38 h

A nosa paisana, e non obstante ministra, Yolanda Díaz métenos en dúas leas: unha, de interpretación, porque hai que decidir se é tan boa como di Pablo Iglesias, ao que honra defender a súa xente, ou cometeu un pecado mortal, como di parte da opinión publicada. Pois as dúas cosas: aínda non pasou tempo abondo para decidir a súa calidade como ministra de Traballo, pero polo de agora foi unha das que demostraron máis iniciativa, máis presenza pública e máis ganas de facer cousas. Gústalle o Ministerio e o traballo que ten por diante. E pon paixón na súa tarefa.

Como factor negativo, o que teño escrito por aí: que se pasa de hiperactividade, que escoita a palabra “traballador” e lánzase como se non houbese muller no mundo máis preocupada por el. E así, cando chegou a revolta agraria, como os labregos son traballadores, a punto estivo de invadir o terreo do ministro de Agricultura. E, cando chegou o medo ao coronavirus, meteuse no terreo do ministro de Sanidade. Saltaron todas as alarmas. Escoitáronse berros de “saca as túas mans” dun problema sanitario. A CEOE coñeceu a guía de actuación das empresas que se redactou no Ministerio de Traballo onde se fala de suspensión de actividade se houbese algún contaxio, e denunciou que non se negociara, cando a verdade é que parar a actividade é cesar o negocio, e non hai nada dito sobre indemnizacións. A Moncloa mandou un comunicado tratando de poñer orde e dicindo que o coronavirus é de Sanidade e só de Sanidade. E a amentada opinión publicada, que viu todo iso, descubriu un tesouro informativo: outra crise no Goberno! Outra indisciplina de Podemos! Tiñamos pouco cos enfrontamentos entre Irene Montero e os machistas e machotes que hai na banda do PSOE, e agora vén esta moza de Fene e abre outro furado na coalición.

Quen si quixo agrandar o conflito, ou non o quixo pero conseguiuno, foi a Moncloa: se non sacase ese comunicado público e se limitase a unha instrución interna, aquí non habería máis que unha anotación xornalística. Levado á publicidade, abre as portas dun cisma. E agora temos o asunto do rei Xoán Carlos, a comisión de investigación. Podemos quere que se faga, o PSOE oponse por non sei que cuestións legais. Outro conflito. Choques en cadea. Hai que convocar a comisión de coordinación, que está formada polos mesmos ministros que discrepan. Un pouco de broma. Para que logo digan os de Podemos e os do PSOE, benquerido Valiñas, que somos os xornalistas os culpables de todo. Que se miren a si mesmos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia